O Concello iniciou a entrega de material de protección, pantallas e mascarillas en diversos establecementos comerciais, que desde hoxe poden reiniciar a súa actividade mediante unha cita previa e cumprindo coas medidas preventivas de saúde previstas.
Un dos sectores que máis actividade ten prevista esta semana é o das perruquerías. Segundo detallou o Concello, fíxose reparto de unidades nas 30 que estaban abertas e que tiñan citas programadas. As outras 14 que teñen actividade no noso municipio aínda non abriron de novo as súas portas.
Por outra banda, entregouse material de prevención noutros cinco establecementos de diversos sectores (roupa, mercería…) e en dúas clínicas de fisioterapia e de audición, respectivamente, que solicitaran con anterioridade a material.
Fontes municipais informaron de que moitos negocios “xa estaban dotados de material suficiente para a protección dos seus empregados e dos clientes”, polo que non foi necesario realizar reparto algún nestes casos.
Así a todo, desde o Concello estase a traballar para poder contar con máis material para repartir entre aqueles comercios e locais que así o solicitaron pero que aínda non iniciaron o seu novo período de actividade.
8.600 mascarillas artesanais elaboradas por voluntarios
A rede de voluntariado articulada polo Concello para a confección de mascarillas artesanais segue producindo a un ritmo moi alto, tendo alcanzado xa as 8.600 unidades, que xa foron entregadas nas farmacias de Marín.
O Concello destaca “o enorme labor solidario” que se está a realizar, aportando con toda a dedicación dos voluntarios “un enorme grao de area para preservar a tranquilidade social, garantindo a protección da veciñanza”.
#MarínEnRede, aberta para a adhesión de negocios
A outra “rede” posta en marcha polo Concello, a plataforma Marín En Rede, segue recibindo novas adhesións de negocios para formar parte do directorio online, como primeiro paso, e para poder participar, así, de campañas de dinamización comercial.
Todos aqueles comercios, locais, oficinas… que queiran sumarse á rede, poden facelo cubrindo o formulario que atoparán en www.marinenrede.com.