Os portavoces dos grupos políticos que integran a Corporación municipal de Marín mantiveron unha reunión telemática, nas persoas da alcaldesa, María Ramallo, e os portavoces do PP, PSOE e BNG, Manuel Santos, Manuel Pazos e Lucía Santos, respectivamente.
Este encontro tiña como obxectivo facer un balance conxunto das medidas tomadas até o momento a nivel local para loitar contra o coronavirus, que foron expostas por Ramallo. Entre outras cuestións, concretouse como están a funcionar os servizos públicos ca implantación do teletraballo e como se están a coordinar os traballos de limpeza e desinfección das rúas de Marín.
Outra dos puntos abordados foi a coordinación do Concello coa Policía Nacional e coa Policía Local. En ambos casos, practicamente o 100% da plantilla está traballando ao completo, realizando a importante labor de garantir o cumprimento do estado de alarma.
Por outra banda, a alcaldesa compartiu cos portavoces a colaboración realizada pola Brilat en dúas xornadas e a da UME, que adicou o seu tempo na vila á desinfección da Residencia da terceira idade.
En canto ás medidas económicas, Goberno local e oposición comentaron aquelas que se foron tomando en función de como avanzaba a situación a nivel estatal, como foi a paralización do prazo dos tributos que estaban ao cobro, ou algunhas futuras iniciativas, como a devolución de taxas cuxo servizo non se está a prestar, como sucede co mercadillo, as terrazas ou as taxas de recollida de residuos.
A alcaldesa trasladoulle aos portavoces dos grupos da oposición que se están a axilizar os pagos aos provedores “o máximo posible”. “Séguense a conformar facturas e fanse tamén relacións de facturas”, asegurou a rexedora.
No que respecta ao material de protección, o Goberno local destacou que a vila está nestes momentos perfectamente cuberta, tanto no Centro de Saúde como no caso dos operarios e traballadores públicos e dos axentes dos corpos de seguridade.
Durante a sesión de traballo, os grupos políticos falaron tamén sobre a situación da obra pública que estaba en execución antes da chegada da crise sanitaria e que, despois do último decreto emitido polo Goberno estatal, está paralizada na súa totalidade.
Finalmente, revisáronse todas as medidas tomadas de carácter social, en vista a deseñar novas iniciativas coas que se poida seguir atendendo a toda a poboación, especialmente ás familias máis vulnerables. Tamén se falou sobre o funcionamento do CIM, que continúa a prestar o seu labor a tempo completo por considerarse un servizo absolutamente esencial.