Adxudicada a dirección de obra e de execución do proxecto de humanización do Paseo Alcalde Blanco

Adxudicada a dirección de obra e de execución do proxecto de humanización do Paseo Alcalde Blanco

A Xunta de Goberno local aprobou recentemente a adxudicación do servizo de dirección de obra e de execución, así como a coordinación de seguridade e saúde da obra de humanización do Paseo Alcalde Blanco. Esta remodelación do paseo forma parte da estratexia DUSI #Marín2020, que suporá unha revolución urbanística na vila marinense, ca implantación de melloras na mobilidade e no desenvolvemento sostible.

Esta estratexia é posible grazas á cofinanciación do 80%  da Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do eixo 12 do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

O contrato que se vén de adxudicar está constituído por tres lotes, cuxo orzamento total ascende a 65.000 euros. A licitación contou cunha alta concorrencia de empresas, presentándose 15 ao primeiro lote, 16 ao segundo e outras 16 ao terceiro.

Nos tres casos, a empresa Deseños Estruturais e Viarios SL foi a que maior puntuación obtivo, polo que será a encargada de executar estes servizos no transcurso da obra de humanización.

Os propios traballos de remodelación urbana serán levados a cabo pola empresa Copcisa, que resultou adxudicataria da licitación do proxecto de obra, tamén ca máxima puntuación acadada. O importe da execución da humanización será de 1.312.653,45 euros.

 

Un paso máis no achegamento de Marín ao mar

Con esta obra, o Paso Alcalde Blanco converterase “nun espazo agradable, verde, humanizado, con mellor iluminación e con opcións de ocio para todas as idades”, en palabras da alcaldesa, María Ramallo.

Así se recolle tamén na memoria descritiva do proxecto, onde se especifican algúns detalles técnicos deste proxecto integral de remodelación, co que se recuperará un espazo “privilexiado, que nestes momentos está infrautilizado”, exponse na memoria.

A compoñente paisaxística será a gran protagonista da humanización do paseo, cunha mellor integración entre a sociedade e o mar e co adecentamento da súa punta, que no seu día quedou inconclusa.

Para iso, crearase unha nova zona de transición, consistente nunha peza de madeira a modo de graderío, onde tamén de formalizarán pequenos miradoiros.

Asemade, o proxecto contempla a creación de áreas verdes amplas abondo para acoller diversas especies vexetais, seleccionadas previamente, que sirvan de barreira visual cara a infraestrutura portuaria que colinda co paseo.

Nestas áreas tamén haberá espazo para albergar bancos de descanso, elementos de xogo infantil, xogos acuáticos…

A humanización deste paseo suporá tamén a implementación dun novo local de hostalaría, cuxo deseño estea integrado ca contorna e que conte con amplos ventanais, facilitando a prestación das vistas ás persoas que vaian facer uso del.

O prazo de execución das obras é de sete meses, a contar desde a comprobación do replantexo.

 

Anterior Rematada a obra de mellora do saneamento da Rúa da Costa

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados