Os veciños firman as actas de levantamento para a ocupación dos terreos expropiados da senda Coirados-Pardavila

Os veciños firman as actas de levantamento para a ocupación dos terreos expropiados da senda Coirados-Pardavila

O salón de Plenos do Concello de Marín acolleu  a firma do levantamento das actas previas para a ocupación dos terreos que serán expropiados pola Consellería de Infraestruturas coa finalidade de poder crear a senda peonil e ciclista entre Coirados e Pardavila, na PO-313.

Os veciños afectados por estas expropiacións foron citados pola Xunta de Galicia para así poder avanzar na tramitación deste proxecto, que ten por obxecto mellorar a mobilidade nunha zona na que as asociacións veciñais demandaban esta senda, por estar moi transitada.

A actuación conta cun presuposto de 720.000 euros e foron dezanove as empresas que se presentaron á licitación dos traballos, que consistirán na execución dun itinerario de dous quilómetros de lonxitude pola marxe esquerda da estrada, desde a saída de Marín e conectando coas beirarrúas existentes en Pardavila, unha vez pasado o enlace da Variante.

Os traballos prevén tamén a construción dunha pequena plataforma para salvar o arroio ao inicio da vía e outras obras complementarias necesarias para a senda, como a instalación dunha nova rede de drenaxe, a mellora da intersección cun carril central e a habilitación dun cambio de sentido.

Este proxecto forma parte do Plan de Sendas da comarca do Morrazo, no que a Xunta contempla oito itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe.

Anterior Marín xa conta con tres furanchos funcionando a pleno rendemento

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados