Marín xa conta con tres furanchos funcionando a pleno rendemento

Marín xa conta con tres furanchos funcionando a pleno rendemento

A concelleira de Turismo e Comercio, Cristina Acuña, e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, tramitaron esta semana as tres primeiras licencias de apertura de furanchos para a temporada do 2020. Os donos dos establecementos que xa están abertos acudiron ao Concello, onde se lles deron os carteis acreditativos da expedición da licencia.

Concretamente, os furanchos son O Furancho A Maña, na Brea; o Furancho de Víctor, en Castro, e o Furancho de Antonio, en Allariz. “Aínda temos máis solicitudes presentadas que se irán tramitando ao longo das próximas semanas”, explicou Acuña.

Segundo se recolle na ordenanza, a actividade “furancheira” en Marín pode desenvolverse desde principios de febreiro, “pero a gran maioría prefire atrasar a súa apertura até que chega o bo tempo, sobre todo a partir de Semana Santa”, aclarou a concelleira.

 

Esixencias da ordenanza

A normativa vixente no municipio estipula unha serie de esixencias a estes locais para que poidan funcionar como furanchos e para que así formen parte do Rexistro Municipal de Furanchos e Loureiros. Por exemplo, no que ten que ver co horario, só poden abrir de 12.00 a 00.00 horas. De venres a sábado e de sábado a domingo, así como nas noites anteriores a festivos, amplíase unha hora este horario.

Os locais deben ter unha superficie de entre 10 e 150 metros cadrados e deben cumprir ca normativa vixente de prevención e protección contra incendios, así como cas medidas sanitarias relativas ao tabaquismo, á venda e subministro de alcohol e a publicidade deste tipo de produtos.

A ordenanza, da que se pode consultar todo o seu contido na web do Concello, recolle que só se poderá subministrar no furancho o viño con orixe nas viñas emprazadas no termo municipal de Marín e a súa comarca, que deben estar regularizadas no Rexistro Vitícola de Galicia.

Ademais, non pode ser viño embotellado, senón que debe proceder directamente dos barrís, que terán que estar numerados.

Anterior O Museo Torres inaugurará o venres a exposición “Historia dos símbolos de España”

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados