O Auditorio de Marín, a xoia cultural da remodelación urbana que experimentará a vila

O Auditorio de Marín, a xoia cultural da remodelación urbana que experimentará a vila

A estratexia DUSI #Marín2020 leva varios anos de andadura e de intenso traballo para implementar en Marín unha reforma urbana que posicione á nosa vila como un concello sostible, referente no desenvolvemento urbano e cos equipamentos sociais e culturais á altura da nosa cidadanía.
A construción dun centro sociocultural, dun Auditorio, adaptado ao pulso cultural e social era un dos grandes retos do Goberno local e o proxecto máis relevante da estratexia europea de Marín. Hoxe, a alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Urbanismo e tenente alcalde, Manuel Santos, presentaron o anteproxecto deste equipamento, elaborado pola empresa NAOS, e que suporá un antes e un despois na imaxe e na utilización do corazón urbano da vila.
Paralelamente a esta nova construción, a estratexia DUSI #Marín2020 traerá consigo a remodelación do Paseo Alcalde Blanco e a reordenación de toda a contorna anexa á Praza de España, así como a humanización da Avenida de Ourense, arteria principal e porta de entrada do municipio, que o vertebra desde a súa fronteira con Pontevedra ate o final do casco urbano.

Estes tres grandes proxectos de desenvolvemento sostible son posibles grazas á inversión da Unión Europea, que aprobou a Estratexia #Marín2020 como unha das beneficiarias dos investimentos aportados a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, destinados ás remodelacións urbanas das cidades.
En concreto, a Unión Europea aportará dous millóns de euros para a construción do novo Auditorio, que se unirán a outros dous millóns que investirá a Xunta de Galicia para completar o orzamento total do proxecto.

Proceso de adxudicación e futura convocatoria pública
Segundo explicou a alcaldesa, María Ramallo, na rolda de prensa desta mañá, o anteproxecto de NAOS será adxudicado definitivamente a próxima semana, na Xunta de Goberno local. Esta empresa resultou gañadora do concurso público, obtendo a mellor puntuación e sendo a proposta avalada polo comité de expertos que participou do proceso.
Este órgano estivo conformado por María Encarnación Rivas Días, directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia; Miguel Ángel Navarro, director da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra; Susana Rivadulla López, xefa do Servizo de Urbanismo da Xefatura Territorial de Pontevedra; Anselmo Villanueva, presidente da Delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e Alberto Pensado, xurista da Administración Xeral do Concello de Marín, especialista en contratación pública.

A partir de que se faga oficial a adxudicación e se asine o contrato, NAOS contará con catro meses para adaptar o anteproxecto e redactar o proxecto definitivo. Durante este proceso, poderán aportarse definicións e consideracións, que complementarán e mellorarán a proposta final.
Unha vez que este proxecto definitivo estea listo, iniciarase o procedemento administrativo de contratación das obras correspondente á adxudicación dos traballos propios de construción do novo edificio.
Conscientes de que se trata dun proxecto pensado para a cidadanía, a participación da mesma será un piar importante e que aportará valor engadido a un edificio que pretende ser unha referencia para toda a veciñanza.
Así, a alcaldesa e o concelleiro anunciaron que e ao longo dos próximos meses convocarase á cidadanía de Marín, ás asociacións e aos colectivos sociais a unha xornada de participación onde os arquitectos responsables da elaboración do proxecto e os representantes do Goberno local presentarán o Auditorio, ca fin de coñecer a opinión dos veciños e escoitar as súas suxestións.

Un “xogo de escamas” con cubertas vexetais, cristal e aceiro
Ca construción do Auditorio cubrirase unha das principais demandas que existían na localidade de Marín. Desta maneira, producirase unha rexeneración económica e medioambiental da contorna e dinamizarase a vida social e cultural.
Pola súa ubicación, o edificio está plantexado para integrarse á perfección no entorno. Estará semisoterrado, reducindo así a barreira visual e primando a horizontalidade, para que non se distorsione a imaxe da fachada costeira. Por iso presenta unha “volumetría fragmentada”, tal e como se pode ler no anteproxecto de NAOS, “que aporta unha imaxe dinámica, moderna e integrada ca contorna”, propoñendo un “xogo de escamas”, como as do peixe, nun chisco ao mar e á cultura mariñeira, eixo do ADN social da vila marinense.
Fundamentalmente, o exterior do inmoble combinará tramos verdes, de cuberta vexetal; tramos de cristal e tramos de aceiro. Será especialmente interesante a vista que se poderá ter do edificio desde a Alameda, dado que, ao estar máis elevada sobre o terreo, servirá como miradoiro da superficie do Auditorio, cuxa horizontalidade permitirá que o mar sexa o último elemento da paisaxe á vista.
Segundo se recolle no anteproxecto, todos os materiais serán durables e de escaso mantemento, incluídas as especies vexetais, escollidas coidadosamente pola súa adaptación ao medio mariño e sen necesidade de regos máis alá da propia chuvia a e humidade do ambiente.

Un edificio sostible de consumo case nulo
Os pregos de contratación do proxecto do Auditorio recollían a necesidade clave de que este equipamento cumpra ca normativa vixente en materia de eficiencia enerxética, un dos eixos da estratexia #Marín2020 e que tamén se está aplicando en todo o alumeado público do municipio.
Así, o Auditorio está proxectado como un EECN (Edificio de Consumo de Enerxía Case Nulo). Para iso, combinaranse instalacións de enerxía renovable con características arquitectónicas que minimicen o consumo enerxético. Ademais, todos os sistemas de servizo contarán cas certificacións enerxéticas máis altas posibles.
Segundo se detalla no anteproxecto de NAOS, o inmoble contará con amplos aleros na zona sur, que xerarán sombras ao interior, evitando que a incidencia do sol provoque efecto invernadoiro no interior. Isto virá acompañado da utilización de vidros de control solar, que teñen a capacidade de reflectir a enerxía do sol, controlando tamén a temperatura interna da infraestrutura.
No que respecta á iluminación interior, utilizarase tecnoloxía de tipo LED con sistema DALI, que regula a intensidade luminosa en función da iluminación exterior.

Estrutura interna: espazos con múltiples funcións
O deseño do interior do Auditorio está pensado, tal e como recolle o anteproxecto, “para que teñan cabida todo tipo de actividades socioculturais, desde as que precisan un espazo amplo ata unha pequena aula para actividades máis de diario. Todas elas, en torno a un vestíbulo que poida facer ás veces de praza maior”.
A sala principal contará cun patio de butacas cunha superficie de preto de 640 metros cadrados, con 550 localidades, e cun escenario de cerca de 220. O patio de butacas poderá dividirse en tres subespazos que poderán acoller tres visualizacións ao mesmo tempo.
A maiores, o equipamento contará con catro aulas, tres de diversos tamaños e unha máis grande pensada para usos multidisciplinares; dous baños, sete camerinos, unha sala de audiovisuais e un almacén. Toda a planta sumará un espazo total de case 2.000 metros cadrados.

Reordenación do tráfico, aparcamento subterráneo e “barrio cultural”
A instalación do Auditorio traerá consigo a reordenación de todo o espazo urbano anexo á parcela específica que ocupará o edificio. A recolocación do estacionamento da zona virá acompañada da creación dun aparcadoiro subterráneo, para resolver as demandas propias do funcionamento do edificio.
Con toda esta aposta, o obxectivo é crear unha sorte de “barrio cultural”, con tres grandes espazos verdes, peonís e abertos á cidadanía, como son a Alameda, a Praza de España e o Paseo Alcalde Blanco, totalmente interconectados, con posibilidade de que os eventos culturais trascendan das paredes do edificio do centro cultural e poidan esparcirse por todo o corazón da vila, totalmente remodelado e modernizado baixo os estándares do desenvolvemento urbano sostible.

*Características urbanas da parcela
A parcela do Auditorio (2.000 metros cadrados) está catalogada como chan urbano, rexido polo Plan Especial do Porto, cuxo uso debe estar vinculado á integración Porto-Cidade. Ademais, está recollida no Plan de Ordenación do Litoral, como zona de ordenación.

Dossier do Auditorio: ENLACE

 

Anterior Música, tradición e diversión cunha nova edición dos Cantos de Taberna nos bares de Marín

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados