A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, visitou o IES Illa de Tambo, onde impartiu unha conferencia para o alumnado de entre 14 e 15 anos do centro educativo sobre a importancia da reciclaxe, a xestión do medio ambiente a nivel local e a necesaria implicación da sociedade no coidado da nosa contorna.
Esta actividade, enmarcada no programa Erasmus+ que ten activo o centro de ensinanza marinense, serviu para que a mocidade coñeza máis sobre os diversos colectores que poden atopar na vila, do que non sempre sabemos todo. A concelleira puxo a proba aos estudantes sobre todo ca xestión dos residuos plásticos, “que non todos van ao colector amarelo”.
Sanmartín incidiu na importancia que ten saber como reciclar correctamente, “porque cada vez que tiramos un residuo a un colector que non lle corresponde estamos a crear o que se chaman residuos impropios”.
A concelleira faloulles tamén do concepto economía circular e de como se está a traballar desde o Concello por conseguir un Marín máis ecolóxico e sostible. Nesa liña, entra a instalación dos coñecidos como “quintos colectores”, relativos á compostaxe.
Sanmartín detallou á rapazada a diferenza entre a compostaxe individual, un modelo que xa leva funcionando un par de anos na vila, e a colectiva, que pronto será unha realidade na localidade ca colocación de tres áreas de compostaxe en diversos puntos semiurbanos, dentro do Plan Revitaliza da Deputación.
Ademais, en Marín existen outros colectores que tamén axudan á reciclaxe e á implementación desa economía sostible, como son os colectores de recollida de pilas e baterías, o de recollida de aceite doméstico ou os de roupa.