A contorna da Finca de Briz leva desde hai un ano acollendo batallas de rap de xente nova, que se xunta nas gradas da finca para retarse cas palabras nunha nova disciplina artística e musical que atrae a infinidade de aficionados.
Agora, o grupo Best Hit Battles, formado por dous rapaces de Marín, Bastián Hermo Buceta e Pablo Vázquez Ruano, que están detrás destas convocatorias, van máis alá, ca organización dunha clasificatoria a nivel autonómico, que servirá de pasarela para a final deste campionato galego.
Hermo reuniuse onte cas concelleiras Marián Sanmartín e Itziar Álvarez para coordinar as necesidades que teñen como organizadores para sacar adiante este evento, ao que se prevé que poidan asistir máis de 300 persoas e no que competirán entre 30 e 50 rapaces e rapazas.
A primeira clasificatoria terá lugar o 22 de febreiro a partir das 18.00 horas. As inscricións xa están abertas e poden facerse escribindo unha mensaxe privada á conta de Instagram de Best Hit Battles (@bhb.edition).
O custe da inscrición é de 3,50 euros por persoa, diñeiro co que recadarán os fondos para que a persoa que gañe o campionato galego poida viaxar ata Alicante e representar a Galicia no campionato a nivel estatal que se celebrará en agosto nesa cidade.
A final do campionato, no que se enfrontarán os 16 clasificados nas clasificatorias, terá lugar o 16 de maio, tamén en Briz. En caso de que chova, ambos eventos trasladaranse ao Pavillón do Sequelo.