O Concello de Marín participará un ano máis no stand da Deputación de Pontevedra no Culturgal, a Feira da Actividade Cultural en Galicia, unha cita de referencia na provincia, que terá lugar na cidade de Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro.
Presentará tres vídeos de pequeno formato, nos que porá en valor as Xornadas Blanco Freijeiro, o Plan de Protección do Patrimonio de Marín e a figura de Manuel Torres.
As xornadas, que este ano cumpren 18 anos de vida e que comezarán o próximo luns, son o evento máis relevante na vila marinense sobre arte, arqueoloxía e historia. Xestionadas pola Concellaría de Cultura e coordinadas polo arqueólogo, Juan Castro, cada ano atraen a decenas de apaixoados por estas disciplinas, que acoden á Biblioteca Vidal Pazos a escoitar as conferencias.
Juan Castro tamén será protagonista do vídeo sobre o Plan de Protección do Patrimonio, unha iniciativa pioneira en Galicia que ten como obxectivo mellorar a preservación e a conservación dos restos arqueolóxicos da vila, traballando conxuntamente cas Comunidades de Montes, que son, na súa maioría, propietarias dos terreos onde están estes restos. Sobre este tema, Castro tamén fará unha micropresentación na que explicará o funcionamento do plan aos asistentes ao Culturgal.
Finalmente, a figura de Manuel Torres será lembrada nesta feira, debido a que no 2020 se celebrará o 25 aniversario do seu falecemento. Torres, un dos pintores máis célebres de Marín que da nome ao museo local, foi un dos artistas máis importantes da súa época na xeración galega, que conseguiu fundir a tradición galega ca vangarda nas súas obras pictóricas.