As XVIII Xornadas Blanco Freijeiro xirarán en torno á historia da música

As XVIII Xornadas Blanco Freijeiro xirarán en torno á historia da música

A Biblioteca Municipal Vidal Pazos acollerá do 25 ao 29 de novembro unha nova edición das Xornadas Blanco Freijeiro de arte, arqueoloxía e historia, que estará adicada, nesta ocasión, á historia da música, con catro conferencias, algunhas interactivas con música en directo, en torno a ela, todas as 20.00 horas.

A concelleira Beatriz Rodríguez, presentou hoxe no Concello o programa das xornadas, acompañada do coordinador das xornadas, Juan Castro, de Anta da Moura, e Gonzalo, afillado de Blanco Freijeiro.

Beatriz Rodríguez animou a todos os marinenses a inscribirse nestas xornadas e tamén fixo un chamamento “a todas as entidades musicais que temos en Marín, que son un referente, para que asistan”.

As xornadas, que levan o título “Per Musicam Historia”, serán este ano “máis interactivas”, en palabras da concelleira. Unha idea que reforzou Castro: “Sendo a música o tema vertebrador, non todo será unha exposición teórica e teremos a inmensa sorte de ver a algúns músicos moi reputados interpretando a súa arte simultaneamente ás conferencias”.

Para Castro, a música é “un prisma máis a través do cal ver, estudar e comprender a historia das nosas sociedades”. A nivel de contidos, as conferencias organizaranse en dous grandes bloques: a música medieval e a música tradicional.

Pola súa parte, o afillado de Blanco Freijeiro agradeceu ao Concello a celebración unha vez máis destas xornadas, “que teñen sona non só en Marín, senón tamén no resto de Galicia e incluso fóra dela”.

Programa e inscricións

Igual que noutros anos, para asistir ás conferencias das xornadas é obrigatorio inscribirse previamente, escribindo un email xornadas.blanco.freijeiro.marin@gmail.com ou chamando ao 986 891 186.

Luns, 25

O luns, día 25, ás 20.00 horas, será a presentación oficial do evento, onde se fará entrega da documentación aos participantes, que tamén deberán confirmar a súa inscrición.

Ás 20.30 horas, as xornadas serán inauguradas pola concelleira Beatriz Rodríguez, e tamén asistirán familiares de Blanco Freijeiro.

Martes, 26

Ao día seguinte, martes 26, darán comezo as conferencias ca intervención de Rosa Sánchez, percusionista-cantadora, e Pablo Carpinteiro, músico-artesán, que falarán sobre “A música e a evolución”.

“Ambos levan moitos anos facendo unha importante labor investigadora, da que resultaron varias publicacións, como a que recolle a historia dos instrumentos musicais na tradición galega”. Na súa intervención na Biblioteca utilizarán, segundo informou o coordinador, cerca de 43 instrumentos.

Mércores, 27

O mércores, día 27, será a quenda de Rodrigo Romaní Blanco, director da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo (ETRAD), que impartirá a charla “A tradición musical popular, unha ollada ao futuro”.

Romaní, ademais de ser o director deste centro, é músico multiinstrumentista (moi coñecido por ser membro do grupo Milladoiro), produtor e director da orquesta folk Son de Seu. “A súa perspectiva axudaranos non só a mirar cara ao pasado, senón a reflexionar sobre o encaixe que ten a tradición musical na actualidade”, comentou Castro.

Xoves, 28

O catedrático de Música da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Villanueva Abelairas, será o seguinte conferenciante. A súa charla, “Compostela e Xerusalén. Unha lectura a partires dos instrumentos do Pórtico da Gloria” poderá escoitarse o xoves, día 28.

“Carlos é un dos investigadores de máis prestixio a nivel mundial sobre música medieval”, enfatizou Castro, que considera que será moi interesante esta relación entre a música e as peregrinacións que marcan ás dúas cidades citadas anteriormente.

Venres, 29

Finalmente, “A música medieval en Galicia” será a última charla desta edición, o venres 29, a cargo dos directores do grupo de música antiga Martín Códax, Fernando Olbés Durán y Miguel A. López Fariña.

Estes dous músicos, cunha longa e prolífica traxectoria, tamén plantexarán a súa conferencia como unha sorte de concerto didáctico, no que tocarán varias pezas en directo, relacionadas cos contidos que vaian tratando.

Ese mesmo día ás 21.30 horas, a alcaldesa, María Ramallo, clausurará as xornadas e fará entrega de diplomas aos asistentes.

 

Visita ao Pórtico da Gloria – 1 de decembro

En todas as edicións das xornadas, organízase unha visita guiada a un lugar de interese a nivel patrimonial e artístico. Nesta ocasión, o domingo día 1 de decembro esta visita será ao Pórtico da Gloria, na Catedral de Santiago de Compostela, onde se poderá coñecer de preto a obra do Mestre Mateo, logo da súa restauración.

A saída está fixada para as 09.30 horas da Praza de España de Marín.

 

Anterior Máis de 500 remeiros na Copa Galicia Concello de Marín

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados