A Policía Local de Marín e o Concello levaron a cabo a finais de verán unha revisión do cumprimento da normativa que regula a colocación de terrazas na vía pública por parte dos establecementos hostaleiros.
Nesta tarefa de inspección, o corpo de seguridade detectou unha serie de infraccións, entre as que destacan, pola súa reiteración, as seguintes:
Máis mesas instaladas das que ten autorizadas o local na súa terraza.
Oxidación do pavimento debido ao contacto directo co chan das bases metálicas dos parasois
Rotulación dos elementos da terraza (como o toldo, os parasois, as mesas ou as cadeiras) con publicidade
Aplicación de mesas e cadeiras nun lateral da terraza, ocupando parte da vía pública.
Ter paraventos que superan o metro e medio de altura ou cuxa colocación dificulta o paso de viandantes
Ubicar a terraza nun lugar que non cumpra ca autorización municipal
Segundo explica o Concello, nalgún caso xa se tivo que abrir un expediente sancionador debido á reiteración nos incumprimentos. Pero no resto de casos, a Policía Local notificou estas irregularidades a cada un dos establecementos hosteleiros.
Agora, terán 15 días para subsanar todo o que lle foi notificado. No caso de que non se corrixan as irregularidades dentro deste prazo, e cumprindo co recollido na ordenanza municipal que regula estas cuestións, procederase á apertura dos expedientes sancionadores correspondentes.
A contía das multas é moi variada, en función do incumprimento que se cometa, pero pódese chegar aos 750 euros.