O Concello e Afapo impulsan a implementación dun centro terapéutico en Briz para pacientes con Alzheimer

O Concello e Afapo impulsan a implementación dun centro terapéutico en Briz para pacientes con Alzheimer

A alcaldesa de Marín, María Ramallo e a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, reuníronse esta semana co presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Pontevedra (Afapo), José Manuel Fontenla Redondo, para anunciar a implantación dun centro terapéutico na Finca de Briz que lle dea servizo ás persoas que comezan a ter signos evidentes de progresión desta enfermidade.
Este centro compleméntase ca oferta de obradoiros de memoria que a asociación e o Concello veñen ofertando nos últimos anos, dirixidos a toda a franxa da terceira idade de maneira xeral.

No caso desta unidade asistencial, realizarase unha intervención integral a persoas cun deterioro cognitivo leve ou moderado e traballarase en grupos homoxéneos, de en torno a catorce usuarios cada un, nos que todos se sintan cómodos e adaptados ás esixencias das actividades.

Para isto, utilizarase a metodoloxía coñecida como PCP (Planificación Centrada na Persoa con Demencia), que planifica estratexias seguindo unha valoración inicial da persoa con Alzheimer e do seu círculo máis próximo.

Segundo os resultados que o equipo de Afapo consiga destas valoracións, configuraranse os grupos e comezará a intervención terapéutica no centro, que durará 12 meses. Serán sesións de tres horas, en horario de 10.00 a 13.00, dúas veces por semana.
Rematado este tempo, o equipo de Afapo realizará unha avaliación individual de cada participante, na que se incluirán entrevistas cos familiares, para coñecer así a evolución da persoa despois de ter practicado as actividades propostas.

De maneira concreta, as actividades que se realizarán no centro poden resumirse en tres tipos de obradoiros:
Obradoiro de estimulación cognitiva, dirixido a activar e manter as capacidades mentais de maneira integral, realizando accións de orientación á realidade, reminiscencia, memoria, lectoescritura…
Obradoiro de terapia ocupacional, para incentivar a realización das actividades típicas da vida diaria e traballando as capacidades sensoriais, perceptivas, cognitivas e motrices.
Obradoiro de psicomotricidade, onde se favoreza o dominio do propio corpo e o mantemento o máximo tempo posible das funcións que aínda se conservan.

O obxectivo xeral da programación é o de ralentizar, na medida do posible, o deterioro cognitivo e a perda de memoria, mobilidade e funcións motoras que presentas as persoas con Alzheimer e outras demencias.
Para a alcaldesa, María Ramallo, apostar pola prestación deste servizo de maneira pública “é básico nunha sociedade na que esta enfermidade está tan presente e na que os seus pacientes precisan dunha atención personalizada e adaptada ás súas necesidades”.
Ademais, con este apoio por parte de equipos expertos, como o de Asapo, conséguese aliviar a sobrecarga do coidador principal, proporcionándolle un tempo de respiro.
O obxectivo do Concello e de Asapo é que o obradoiro estea en pleno funcionamento a partir do próximo mes.

Anterior Permiso queima gratuito, páxina oficial da Xunta.

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados