A adxudicación da construción dos parques infantís de Castiñeiras realizarase esta semana

A adxudicación da construción dos parques infantís de Castiñeiras realizarase esta semana

Os trámites para licitar a construción de dous novos parques infantís na área do Lago de Castiñeiras na zona que está no Concello de Marín están próximos a finalizar.

Todo indica que ao longo desta mesma semana poderán adxudicarse os traballos á empresa que mellor oferta presentou no concurso público, ao que concorreron 14 firmas interesadas.

A Concellaría de Medio Ambiente, dirixida por Marián Sanmartín, afirma que os parques poderán estar rematados cara finais de novembro, de tal maneira que xa podan ser utilizados durante o inverno e que estean sobradamente preparados de cara á estación primaveral.

Este proxecto, cuxo presuposto de licitación é de 74.766,18 euros, conta coa financiamento da Axencia de Turismo de Galicia, ao abeiro dun convenio asinado entre o ente autonómico, dependente da Consellería de Cultura, e o Concello de Marín. Esta documento foi asinado polo titular da carteira, Román Rodríguez, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

A Consellería considera que as actuacións relativas á construción dos parques virán a completar “un entorno único, facilitando o gozo de adultos e de menores, e poñendo en valor turístico o parque natural grazas á construción de infraestruturas complementarias como os parques”, segundo se pode ler no convenio asinado por ambas administracións.

En total, ambas áreas recreativas infantís ocuparán un espazo total de máis de 550 metros cadrados e contarán con elementos creados con materiais resistentes, que requiran pouco mantemento e que sexan respectuosos ca paisaxe da contorna natural na que serán instalados. Con esa fin, utilizarase aceiro galvanizado para a súa fabricación cun acabado en cor madeira. Ademais, cumprirán coa normativa vixente en materia de seguridade de parques infantís.

No deseño e na escolla dos elementos, tamén primou a súa capacidade lúdica. Nun dos parques, por exemplo, instalarase unha tirolina de 26 metros, acompañada por un equipo multi aventura de oito pórticos, unidos entre si por barras, pontes, cordas… Neste parque colocarase ademais un bambán dobre combinado,  que contará con dous asentos planos e outro tipo cesta, especialmente indicado para persoas con mobilidade reducida.

Con respecto ao outro parque, instalaranse dúas torres unidas por unha rede e con tobogáns anexos. Haberá, asimesmo, un balancín, dous xoguetes de resorte e outro bambán combinado.

Anterior Adxudicada a segunda fase das obras de humanización de Concepción Arenal

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados