Aprobación senda Bagüín – Seixo

Aprobación senda Bagüín – Seixo

O DIARIO OFICIAL DE GALICIA PUBLICA HOXE A APROBACIÓN DO PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DA SENDA PEONIL E CICLISTA QUE CONECTARÁ BAGÜÍN E SEIXO, NO CONCELLO DE MARÍN

 A Xunta tamén inclúe nesta resolución a aprobación do expediente de información pública relativo a este proxecto que conta cun orzamento duns 700.000 euros
 Construirase unha senda de 940 metros na marxe dereita da estrada PO-551, no tramo entre a intersección á altura da Cova da Moa e a beirarrúa de Bagüín
 A intervención contempla a mellora do acceso á praia de Aguete, ampliando a plataforma da estrada entre os puntos 2+855 e 2+965 para facilitar as manobras e contribuír a optimizar a mobilidade en condicións seguras
 Este proxecto desenvolve unha das seis sendas enmarcadas no Plan de Sendas na comarca do Morrazo, cofinanciado con FONDOS FEDER 14/20

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública e do proxecto de construción da senda na estrada PO-551, no treito entre Bagüín e Seixo, no Concello de Marín.

Esta información poderase ampliar no seguinte enlace ao DOG: https://bit.ly/31Bytcz

O proxecto, cun orzamento de preto de 700.000 euros, consiste na construción dunha senda de 940 metros na marxe dereita da estrada. O itinerario desenvolverase no tramo entre o punto quilométrico 2+815, na intersección á altura da Cova da Moa cunha vía municipal que vai ao paseo polo bordo litoral entre a Escola Naval de Marín e a Praia de Aguete e o 3+750, conectando coa beirarrúa de Bagüín.

A estrada conta cunha senda ata o punto quilométrico 2+910 pola marxe esquerda, polo que para facilitar o cruce está prevista a sinalización dun paso de peóns con semáforo con pulsador antes da parada de bus existente.

Proxéctase unha senda de formigón coloreado en paralelo á estrada, respectando a actual beiravía, cunha sección mínima de 1,8 metros.

Executarase unha pequena estrutura de aproximadamente 40 metros de lonxitude á altura do punto quilométrico 3+100, punto no que existe unha obra de paso.

A intervención contempla a mellora do acceso á praia de Aguete. A estrada non dispón nesta zona de carril central que permita a incorporación á PO-551, polo que o proxecto prevé ampliar a plataforma da estrada entre os puntos 2+855 e 2+965, facilitando as manobras e contribuíndo, desta forma, a mellorar a mobilidade, en condicións seguras dos distintos usuarios da vía.

O proxecto desenvolve unha das seis sendas enmarcadas no Plan de Sendas na Comarca do Morrazo, e a obra será cofinanciada con FONDOS FEDER 14/20.

Anterior Programa Festa Corsaria 2019

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados