Dende a pasada semana se ven desenvolvendo no castro de A Subidá unha nova campaña de escavación e consolidación, promovida polo Concello de Marín. Este ano os obxectivos da actuación son solucionar os problemas de conservación do celeiro escavado e consolidado o pasado ano, e continuar avanzando no coñecemento desta aldea da idade do Ferro, ao tempo que se amplía a superficie exposta ao público.
A canle de control e drenaxe de augas pluviais coa que conta o celeiro, está alterada nun dos seus tramos pola acción das raíces das árbores. Así, cortouse un gran piñeiro que medrou sobre o muro e se está escavando este sector, para logo retirar o toco da árbore e consolidar a estrutura. Ao final da actuación se poderá contemplar en toda a súa extensión este celeiro e a súa canle perimetral, un lugar onde hai máis de 2.000 anos os habitantes do castro almacenaban trigo, cebada, landras e outros alimentos que formaban parte da súa dieta. A escavación tamén está rexistrando unha canteira tradicional de granito, que alterou gravemente o xacemento arqueolóxico, pero que tamén da conta dos usos do monte da cultura tradicional galega.
Esta nova actuación na Subidá é consecuencia da aposta municipal por este xacemento arqueolóxico coma recurso cultural e turístico de Marín, e xa incluído con éxito en roteiros e visitas guiadas conxuntas co Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor, dous xacementos arqueolóxicos senlleiros do Morrazo e das Rías Baixas, separados a penas uns centos de metros.
Vídeo 360 escabación Castro de A Subidá: