A Policía Autonómica e o Servizo de Gardacostas de Galicia requisaron máis de 175.000 quilos de peixe e marisco e máis de 24.000 aparellos

A Policía Autonómica e o Servizo de Gardacostas de Galicia requisaron máis de 175.000 quilos de peixe e marisco e máis de 24.000 aparellos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitaron hoxe en Marín o buque Sebastián de Ocampo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, onde indicaron que durante o ano pasado, axentes da Policía Autonómica e Gardacostas comisaron máis de 175.000 quilos de peixe e marisco e incautaron 24.100 aparellos.

Alfonso Rueda agradeceu o traballo conxunto que levan a cabo estes profesionais e e facer fronte a este grave problema, xa que nos últimos anos teñen redobrado os esforzos para minimizalo e acabar con esta práctica ilegal e perigosa. Unha labor que se enmarca dentro das importantes accións e competencias que ten asignada a Policía Autonómica, que van dende a protección das mulleres vítimas de xénero ata a loita contra os incendios forestais, pasando entre outras por estas accións contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. Só durante o ano pasado a Policía Autonómica tramitou máis de 3.600 denuncias e un total de 112 persoas investigadas ou detidas por delitos relacionados co furtivismo.

Alí a titular de Mar puxo en valor o labor que realiza a Xunta na loita contra o furtivismo e agradeceu ao Servizo de Gardacostas e aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado o seu traballo conxunto, coordinado e exemplar, cuns resultados indicou, que son froito do desenvolvemento de diferentes accións como o Plan de loita contra o furtivismo, unha planificación integral que botou a andar no ano 2009 e no que se enmarcan actuacións como a Mesa do Burgo. Grazas a esta ferramenta, subliñou Rosa Quintana, melloramos a coordinación cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado como a Policía Autonómica e a Garda Civil, e outros efectivos.

A isto súmase, engadiu a conselleira, outras accións como a tipificación do furtivismo reincidente como delito no Código Penal, que entrou en vigor o 1 de xullo de 2015, data desde a que a Policía Autonómica detivo a 316 persoas por furtivismo, 112 delas no 2017. Tamén se levan a cabo medidas de sensibilización social sobre o impacto do furtivismo, como por exemplo, a campaña Non piques, non peques e a súa app móbil, que leva arredor de 10.000 descargas.

A renovación dos medios e a creación de novas prazas son outras das actuacións que mencionou a titular de Mar. Neste sentido, lembrou que esta semana o Servizo de Gardacostas renovou seis vehículos para labores de vixilancia, inspección e loita contra o furtivismo e en vindeiras datas renovarán outros catro. Ademais vimos de sacar a concurso a fabricación de dúas embarcacións patrulleiras para o servizo.

En canto ás novas prazas, Rosa Quintana destacou que nos últimos anos se reforzou o Servizo de Inspección Veterinaria de Gardacostas ata alcanzar un corpo de 16 inspectores veterinarios. Ademais a Xunta convocou 20 novas prazas mediante concurso-oposición para este servizo, un proceso que está en marcha.

Sebastián de Ocampo
A embarcación Sebastián de Ocampo construíuse no 2005. É un dos buques insignia do Servizo de Gardacostas de Galicia, conta cunha eslora de 41 metros e as súas funcións principais son a de salvamento, remolque de embarcacións, operacións de busca e rescate de persoas, loita contra a contaminación por hidrocarburos e inspección e vixilancia pesqueira, entre outras.

Anterior O SANTO

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados