18 febreiro 2021
A desescalada “a modiño” anunciada pola Xunta de Galicia permite que as instalacións culturais, como a Biblioteca Vidal Pazos e o Museo Torres reabran as súas portas. Tal e como explicou a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, a Biblioteca foi obxecto dunha intensa desinfección “para que a súa reapertura, dada a afluencia que ten, fora cen por cen segura”.
Tanto está habilitado o préstamo de libros de xeito normal como a aula de estudo, aínda que non se poderá superar en ningún momento o aforo máximo do 30%.
Esta limitación da capacidade tamén a ten o Museo Torres, que albergará até o 31 de marzo a exposición dos traxes máis emblemáticos e espectaculares das comparsas de Marín, Os da Caña e Paparrulos.
Tamén é posible gozar na exposición dalgunhas letras e imaxes doutras comparsas que, aínda que non están en activo, formaron parte da historia do Entroido de Marín.