12 xaneiro 2021
A cultura e a arte é un dos eixes máis importantes do sostemento da nosa historia. O Concello de Marín quere seguir traballando para conservar todo o patrimonio cultural que ten no seu haber e especialmente neste ano, no que se celebra o Xacobeo, a Concellaría de Cultura anuncia que se restaurará un cadro de Villafinez, “El Pórtico de la Gloria”.
“Estamos nun ano único, que se estenderá até 2022, e que pon a Galicia como un faro desde o que gozar da cultura, da historia e dunha tradición tan rica e arraigada e internacionalizada como é o Camiño de Santiago. O Pórtico da Gloria, ese lugar emblemático da catedral, foi retratado de xeito maxistral por Villafinez e por iso queremos darlle unha nova vida”, afirmou a concelleira Itziar Álvarez.
A restauradora Eva Fontoira, que xa foi a encargada de dirixir tamén a restauración do cadro de Torres recentemente, recibiu o cadro, que se atopaba no Museo Manuel Torres, e que agora pasará ao seu obradoiro, onde estará cerca dun mes en pleno proceso de revitalización.
O pintor Martínez Villafinez era natural de Marín e firmou este cadro en Santiago, no 1933. Ten un marco de moldura sinxela policromado en verde e marrón, cun fío dorado entremedias. Como o seu título indica, é unha representación do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, tema recurrente do autor e moi característico.
O estado de conservación do cadro non é excesivamente bo e tanto o lenzo como o marco en si precisan ser intervidos. A alteración máis evidente é a oxidación da capa de barniz, que crea unha atmosfera de bruma amarela que distorsiona a cor orixinal da obra.