O Concello iniciou os traballos de creación dun muro de sostemento no lugar da Gorita,
en Loira, ao bordo dun camiño que é a única vía de comunicación posible para tres
vivendas que se atopan alí.
Esta obra está a ser realizada pola empresa Viñas Blancas por un importa de 37.060,96
euros máis IVE, e resolverá as importantes deficiencias que presenta esta infraestrutura
viaria: inestabilidade que supón un desmoronamento e, consecuentemente, unha
progresiva desaparición do firme.
O Concello considera esta intervención necesaria para resolver esta situación, creando
un muro que terá unha altura de algo máis de 2 metros. Con este proxecto o Goberno
local continúa no seu labor de mellorar e ofrecer bos servizos de carácter público á
veciñanza, tanto do casco urbano como no rural.
Asfaltado en Coteiros
Por outra banda, tamén están avanzando a bo ritmo os traballos de renovación do
pavimento no Camiños dos Sapos e na Rúa Coteiros. Este proxecto forma parte da
aposta polo Goberno local de mellorar a mobilidade, a accesibilidade e a seguridade
viaria dos veciños no termo municipal, facilitando a convivencia e o goce do espazo
público.
Estes dous camiños pertencen á parroquia de Santa María do Porto e verán renovado
integramente o seu pavimento e a súa sinalización. A lonxitude aproximada do tramo a
renovar é de 242 metros, aos que se deben sumar outros 44 metros dun ramal secundario
que tamén será obxecto de renovación.
A actuación está motivada polo mal estado no que se atopa na actualidade o pavimento
de ambos camiños, debido ao uso, ao paso do tempo e aos efectos derivados dos
fenómenos meteorolóxicos.
Por tanto, tal e como se pode ler na memoria do proxecto, non se verá afectado o actual
espazo adicado ao estacionamento. Simplemente, procederase a renovar a sinalización
horizontal das prazas existentes, complementándoa con novos elementos de sinalización
vertical.