O Concello de Marín iniciou esta semana a obra consistente na renovación total da instalación do alumeado público na zona da A Brea – Ameal, unha actuación que se enmarca no esforzo que está a realizar o Goberno local na substitución do alumeado público da vila por novas alternativas máis eficientes.
Segundo explicou o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, “con este proxecto aumentamos practicamente ao dobre os puntos de luz existentes. Con iso conseguiremos mellorar substancialmente a visibilidade na estrada na que se vai actuar, unha demanda moi importante pola seguridade viaria que conleva a súa execución”.
Así, as luminarias pasarán a contar con tecnoloxía LED, redundando así en mellores cifras de aforro enerxético. Tamén haberá unha renovación dos cadros de alumeado e unha mellora estética dos puntos de luz.
O prazo de execución da obra será de 45 días e a execución dos traballos será levada a cabo pola empresa SETGA, por un importe total de 30.250,00 euros.
Con este proxecto, o Concello avanza na mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública, un obxectivo moi importante que ten marcado o Goberno local, pero que neste caso vese reforzado pola necesidade de dotar a esta infraestrutura viaria do rural dunha mellor visibilidade e, por tanto, de máis seguridade para a mobilidade da veciñanza.