O Concello de Marín e a Xunta de Galicia asinaron recentemente o convenio para a realización da remodelación do primeiro andar da Casa do Mar co fin de converter este espazo nun Centro de Día para a terceira idade.
Este inmoble foi cedido ao Concello por parte da Tesourería da Seguridade Social co obxectivo de garantir, por parte do Goberno municipal, a cobertura pública da asistencia da terceira idade, para o que esta infraestrutura resultaba de gran interese e pola que o Concello traballou intensamente para conseguir a súa cesión.
O convenio asinado achegará ao Concello 200.000 € por parte da Xunta de Galicia, como así adiantou a conselleira de Política Social, Fabiola García, o pasado 5 de febreiro na súa visita á Casa do Mar de Marín.
As obras de acondicionamento do primeiro andar da Casa do Mar serán executadas polo Concello, estando previsto que se dote a este Centro de Día dunha ampla sala de usos múltiples, así como doutras dependencias: un espazo de rehabilitación, outro para o lecer, cociña e lavandería.
O custo da conversión do edificio actual, situado na rúa Ezequiel Massoni, no centro para a terceira idade ascenderá a 300.000 €.
Dentro destes compromisos do Concello de Marín pola cobertura pública da asistencia social da terceira idade, tamén comezou a funcionar de forma permanente, o pasado mes de novembro, o Centro Terapéutico para Persoas con Alzhéimer da Finca de Briz, impulsado xunto con Afapo. Os usuarios deste centro tamén poderán ser beneficiarios do futuro centro de día cando a enfermidade avance e as dúas sesións á semana que se ofrecen en Briz sexan insuficientes.
A alcaldesa explicou nunha destas visitas ao inmoble da Casa do Mar a importancia deste tipo de actuacións, “dada a poboación que temos na nosa vila, na que a xente maior ten un peso moi importante e que precisa das mellores atencións, incluso cando os recursos son limitados” afirmou Ramallo.