A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, xunto coa arquitecta e a delineante municipais e un policía local do Concello de Marín, comezaron esta mañá coa supervisión das terrazas instaladas pola hostalería da nosa vila, coa finalidade de realizar as comprobacións pertinentes para a súa colocación e de ampliar novas unidades nos casos que fose posible para adecuar o espazo público á nova normalidade que rexe na nosa comunidade.
Nesta primeira revisión, aumentáronse outras novas 70 mesas, de tal xeito que neste momento están autorizadas en todo o municipio 400 mesas para terrazas. Tal e como explica a concelleira Sanmartín, con este traballo de reestruturación do espazo urbano “estamos conseguindo equilibrar as posibilidades dos diferentes locais, porque seguimos mantendo practicamente o mesmo número de mesas autorizadas que o ano pasado, que eran 407, pero agora están máis repartidas”.
Isto explícase porque aqueles establecementos que gozaban dunha ampla terraza tiveron que reducir o número de mesas para poder adecuarse á distancia mínima de seguridade entre elas, antes de 2 metros e agora de 1 metro e medio. Pola súa banda, aqueles locais que no tiñan terraza ou apenas tiñan unha, dúas ou tres mesas, tiveron varios mecanismos para tramitar ampliacións que, na medida do posible, lles permitisen reactivar a súa actividade, dadas as esixencias de aforo no interior.
Deste xeito, permitíuselle aos locais solicitar ampliacións con autorizacións das fachadas anexas, moitas veces de locais comerciais ou doutros sectores. Ademais, e cumprindo coa necesidade de garantir igualmente o espazo e o tránsito cómodo de peóns nas beirarrúas, naqueles casos que foi posible, o Concello traballou na ampliación das mesmas, para que coexistise a actividade hostaleira co uso público das rúas por parte da veciñanza.
“Notamos unha gran satisfacción por parte dos hostaleiros nesta primeira parte da supervisión, coa que continuaremos a próxima semana”, asegurou Sanmartín, que tamén lembrou que o Concello tramitou a exención para toda a hostalaría da vila da taxa relativa ás mesas e cadeiras por ocupación de vía pública non só para este 2020, senón tamén para todo o 2021.