O control poboacional de aves que se leva a cabo na vila marinense desde hai tres anos, a través da empresa Larus Control, segue dando moi bo resultado. As dúas especies sobre as que se actúa, a pomba común e a gaivota patiamarela, causan problemas no núcleo urbano debido á súa proliferación, polo que é necesario tomar medidas que reduzan as incomodidades que xeran.
No que respecta á pomba común, tras o tres primeiros anos de control poboacional, os resultados de redución de exemplares son óptimos. Segundo os datos revelados pola empresa esta mañá, e analizados pola concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, conseguíuse reducir en máis de 1.500 individuos de media, pasando dunha cifra cercana ás 2.000 pombas censadas no inicio do servicio a 350 na finalización deste cuarto ano de traballo.
De maneira pormenorizada, no 2019 leváronse a cabo intervencións con gaiolas de captura en diferentes puntos da localidade, tanto no casco urbano como nalgunhas zonas exteriores. Así, desde abril (ano no que da comezo o contrato), capturáronse 324 pombas. No mes de outubro, instalouse ademais unha gaiola no tellado do Mercado de Abastos para reducir ao máximo posible a poboación nesta zona. Despois destas actuacións, neste momento o censo poboacional de pomba mantense en torno aos 350 exemplares.
É importante destacar que todos os métodos utilizados dentro dos controis son ecolóxicos e incruentos e en todo momento a empresa conta cos permisos de Medio Ambiente para realizar as súas intervencións.
Gaivota patiamarela
En canto á gaivota patiamarela, o servizo de control poboacional renovouse por quinto ano consecutivo debido á gran acollida que tivo entre a cidadanía, principalmente polas molestias e prexuizos que se evitan nas súas vivendas ao facer uso do servizo gratuito que lles facilita o Concello. Segundo indican desde Larus Control, cada ano crecen as chamadas solicitando estes traballos. No cadro, pódese ver un breve resumo da evolución do servizo co paso dos anos:
Os expertos indican que durante o 2019 reduciuse a poboación de parellas reproductoras, debido á falta de exemplares novos que colonicen as novas zonas de cría.
Aqueles veciños e veciñas que desexen que os seus tellados sexan inspeccionados poden poñerse en contacto con Larus Control a través do correo laruscontrol@hotmail.com ou nos números de teléfono 689 838 359 o 654 831 848, en horario de 10.00 a 19.00 horas.
Outras medidas
Ademais deste servizo que gratuitamente ofrece o Concello, desde o Goberno local tomáronse outras medidas para facilitar a redución destas dúas especies. Por unha banda, retirouse o lixo do exterior do Mercado, con resultados óptimos ao suprimir un importante punto de alimentación das gaivotas da zona. Por outra, informouse aos propietarios de inmobles en mal estado con palomares incontrolados da obligatoriedade de tomar as medidas oportunas para solucionar o problema.
Asemade, o Concello pide colaboración veciñal para que nalquelas zonas que non están degradadas tamén se tomen medidas cando a acumulación de aves en alféizares e outras superficies supoña un problema de hixiene e limpeza.