3.000 persoas viñeron a gozar da noite máis terrorífica de Marín no Samaín Briz

3.000 persoas viñeron a gozar da noite máis terrorífica de Marín no Samaín Briz

Un resultado espectacular e que asenta ao Samaín Briz como a festa de referencia en Galicia para celebrar a véspera do Día de Defuntos. Ese é o balance que fai o Concello de Marín da celebración deste evento onte no Parque dos Sentidos, no que participaron 3.000 persoas, segundo os datos do Goberno municipal, a Fundación Juan XXIII e a Comparsa Os Da Caña, responsables da organización.

Isto supón que se animaron a vir 2.000 persoas máis que o ano pasado, un dato moi destacable para unha festa que leva dúas edicións e a pesar das condicións meteorolóxicas de onte, xa que a chuvia fixo acto de presencia durante parte da tarde e da noite. Así a todo, en ningún momento afectou á asistencia nin ao desenvolvemento das camiñadas do terror e do espanto, aínda que houbo escenas preparadas que se tiveron que anular.

Segundo destacan os organizadores, como resultado das enquisas que foron facendo ao longo da tarde-noite entre o público, houbo moita presenza de xente chegada de moitos lugares de Galicia, ademais dos marinenses, que un ano máis apoiaron esta iniciativa de ocio.

Tal e como explicou hoxe pola mañá a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, “nesta edición tratamos de ir un paso máis alá, profesionalizando toda a organización da festa. Para iso, como apoio á Fundación Juan XXIII e á Comparsa Os da Caña, contamos ca empresa Koremi, especializada na xestión deste tipo de eventos”. Asemade, a comparsa Os Da Caña fixeron un auténtico espectáculo na creación da camiñada de espanto que foi clave na festa.

Os bos resultado da festa tamén son resultado de moitas semanas de traballo de preparación da contorna de Briz para convertela nun auténtico parque temático do terror. Para iso, traballouse conxuntamente cas brigadas municipais, especialmente ca de electricidade “que realizou instalacións eléctricas alí onde fixo falta para poder crear ambiente tanto cas luces como co son”.

Ademais, o Concello quere agradecer a colaboración na festa de Ferretería Soutelana, de Servizos Cantodarea e da Funeraria San Marcos, que facilitaron parte do material para o decorado do parque.

Tal e como xa se fixera o ano pasado, a próxima semana o Concello manterá unha reunión de avaliación da festa, coa vista posta no ano que ven e en mellorar todas aquelas cuestións que sexan necesarias.

Afortunadamente, a pesar da elevada afluencia, non se rexistrou ningún incidente e todo transcorreu con normalidade.

Anterior O Samaín Briz mantén a súa celebración e promete ser unha noite de terror familiar inesquecible

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados