O Concello de Marín, a través do CIM, pon en marcha un espazo de acompañamento sociolaboral, co lema “Construíndo camiños”. Trátase dun recurso de atención, orientación e acompañamento para a mellora da situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas da violencia de xénero e aquelas en situación de vulnerabilidade.
Segundo explican desde o Centro de Información á Muller, a iniciativa estructúrase en dúas accións: un módulo básico de sensibilización en igualdade de 12 horas de duración, en soporte virtual, e a posta en marcha deste recurso de atención sociolaboral para mulleres con necesidades específicas no ámbito social e laboral, que lles permitirá mellorar as súas competencias en cuestións administrativas que cada vez se articulan máis con sistemas dixitais: solicitude de citas sanitarias, obtención da vida laboral, selado da tarxeta do paro de forma dixital, formularios on line para o acceso a un posto de traballo, usos e obtención do DNI electrónico…
Este recurso estará dispoñible dous días á semana, mércores e xoves, en horario de 9.00 a 14.00 horas, nas instalacións da casa principal da Finca de Briz.
“Estas accións garanten unha atención integral de carácter global ás mulleres con dificultades nestes ámbitos, en todas as esferas das súas vidas, axudando á construción dun novo camiño”, explican desde o CIM.
Os obxectivos que se perseguen con esta iniciativa son os de proporcionar autonomía persoal, social e laboral ás mulleres en situación de vulnerabilidade, fomentando o seu e contribuíndo á diminución da brecha dixital, que moitas veces dificulta o acceso ao mercado laboral e a recursos básicos que teñen que ver coa Administración. Por outra banda, garantir unha formación básica en igualdade é fundamental para o establecemento dunha visión social e persoal libre de estereotipos.
O programa estará en marcha a partir do 1 de setembro pero todas aquelas mulleres que teñan interese poden poñerse en contacto co CIM, ubicado en Briz, ou por teléfono, nos números 986891802 e 671497112.