Contacto | Tel.:986 88 03 00

RESUMO HISTÓRICO

Na marxe esquerda da ría de Pontevedra, recostada sobre o mar, érguese a vila de Marín, importante porto comercial, militar e pesqueiro do Atlántico. O terreo sobre o que se asenta é suavemente accidentado, presentando pequenas elevacións presididas polos cumes das serras de Marín e O Morrazo. Dista de Pontevedra -capital da provincia- 7 km., atopándose perfectamente comunicada ca mesma mediante un servizo regular de autobús.

Pobos remotos deixaron en Marín pegadas do seu paso; dolmens, petróglifos e castros. Concretamente na praia de Mogor atópase o famoso labirinto que leva o seu nome, considerado como “máximo problema da prehistoria española”. Di a mitoloxía grega que o cidadán Egeo deixou partir ao seu fillo Teseo con rumbo á illa de Creta co fin de dar morte ao minotauro, para así liberar ao seu pobo de pagar o afrentoso tributo anual (sete doncelas e outros tantos mancebos que eran levados ao labirinto para servir de
alimento ao Minotauro).

Ao embarcarse nesta arriscada empresa, Egeo dá ao seu fillo dúas velas, unha branca e outra negra, para que ao seu regreso izase a branca se volvía vitorioso e a negra se fracasara ou morrera. Chegado a Creta, o intrépido Teseo namórase da princesa Ariadna, filla do rei Minos, e esta entrégalle un Fío que lle permitirá andar sen perderse polo labirinto. Deste xeito, Teseo logra chegar ata o Minotauro e darlle morte, salvando así a toda a súa xente e volvendo vitorioso a Grecia en compaña da súa amada Ariadna.

Mais, no camiño de regreso, esquece izar a vela branca que debía anunciar ao vello Egeo a boa nova. E o pobre ancián, que esperaba ansioso día tras día a volta do seu fillo dende o alto dun promontorio da costa, ao distinguir a nave coa súa vela negra ao vento, crendo ao seu fillo morto, lamenta a súa sorte adversa e bótase ao mar. É moi notoria a franxa toponímica afín que parece darse e que chega dende os Alpes, por entre Francia e Italia, e norte de España. Quizais sexa esa inmigración ambro-liriolígur –os “Sefes”?- anteriores aos celtas. Os “Sefes” serían xa autores da celtización de Galicia.

Como queira que sexa, os celtas tiñan a hexemonía no N.O. , ata a chegada dos romanos. A razón de non sobrevivir un maior acervo de palabras celtas dábase sen dúbida á superior cultura romana.

A palabra desaparece coa cousa a servizo da cal está. É un dobrar definitivo na nosa historia, aínda que despois de instalados os romanos, Corominas cre que o céltico se mantivo vigoroso ata os tempos do Baixo Imperio. Os romanos entran en contacto con Galicia no ano 136 a. X.C. con D.J. Bruto, razón pola que se lle apelida galaico. Pola costa na que estamos navega no ano 136 a. X.C. o procónsul Publio Craso e, anos máis tarde, Xulio César na viaxe a Pharum Brigantium. No 26 a. X.C. dáse en Galicia a derradeira resistencia do Monte Medulio. É cando baixan os naturais dos castros e os colonos dividen e traballan a terra en réxime de granxas ou “villae” e man de obra nativa. É aí onde comeza o mundo de hoxe, o noso.

En Marín, a praíña de Portocelo -I, portu-cellu- ou peirao descobre ladrillo e tégulas, algunha moeda e cimentos, e en fronte, no mar, ánforas romanas. Co sistema de granxas operouse o cambio de vida e de lingua no N.O. As vías romanas militares máis que nada, incluso as secundarias, chegaron a todas partes. Da “Vía per loca marítima”, nas proximidades de Pontevedra, partía unha desas vías o “veredae”, que chegaba ao Facho de Donón, percorrendo todo O Morrazo e atravesando Marín en toda a súa lonxitude.

Os suevos chegan no ano 309, traendo o desconcerto á antiga orde. Ler o Cronicón de Idacio é ler o relato dun sen fin de enfrontamentos entre os romanos e os suevos. No ano 585 o reino católico suevo cae no poder de Leovixildo e Galicia pasa a ser parte do reino visigodo (Macías, 125 s.s.). Os suevos non cambiaron o marchamo romano, nin practicamente influíron na lingua; tampouco os visigodos. Eran de cultura inferior. Influíron, e moito, na nomenclatura toponímica. Reinhart opina, contra Piel, que o influxo suevo nisto foi moito maior do que se di e que a estes se deben “máis de 400 nomes xermánicos, supoñéndose ata agora que eran de orixe goda”
(Reinhart 295-6). En todo caso, os nomes xermánicos impostos en Galicia dende o século VIII non gardan relación étnica, senón só lingüística, co sangue godo.

Polo ano 715 chegan os árabes a Galicia. O influxo directo aquí debeu de ser moi exiguo. A través destes debeu de chegar o pouquisimo influxo árabe que en Galicia detectamos e, ao revés, o de Galicia en León, Castela e Sur, maior do que se afirma.

É necesario ter en conta a presenza e permanencia de nobres galegos, de guerreiros e trobadores e menestreis, na corte de León, para non achacar todo matiz occidental ao portugués. “Galicia tivo moita importancia: foi núcleo do antigo reino suevo; foi restaurada despois, ás veces, como reino aparte en beneficio dalgún fillo segundo do rei leonés; en Galicia acostumaban educar aos príncipes, como Alfonso V, costume seguido no século XIII; Galicia era, en fin, gran centro relixioso por mor do sepulcro do apóstolo Santiago, o templo do cal atraía á peregrinación española e internacional. Por isto, Galicia influíu moito na linguaxe leonesa durante este período”. É tamén moi significativo, e haberá que dar razón diso, que as historias árabes chamen ao territorio propio, mahometano, “Spania”, mentres que á parte cristiá, sen distinción de reinos, “Galikia”. Incluso algunha vez dise “Imperio de Galicia”.

Outro pobo que temos que ter en conta polo século X e antes: os normandos. Chegaban polo mar en son de asalto e botín, o que afectou profundamente e longo tempo á poboación costeira. A xente, en permanente atalaia, houbo de manterse afastada do mar. O que hoxe é Marín foi, por longo tempo, non máis ca un hangar ou alpendres para unhas lanchas e aparellos. O Marín daquela, o primitivo e evolucionado dunha vila do “Baixo Imperio”, estaba terra dentro, en “Sancro Juliano do Valle Marini”. Unha granxa romana, coma dez máis, de nome “vila” no municipio. Coa seguridade aumenta a poboación; fanse tomadas ou roteas. Nace Marín, o de hoxe. No ano 1112, cando por vez primeira a vemos nomeada, cuns poucos veciños e o seu alfoz e o mar á fronte. Un cabaleiro da corte de dona Urraca, Diego Arias de Deza, recibe da raíña, en pagamento dos bos servizos, o coto de Marín. Morta a súa dona toma o hábito do Císter en 1151, xa ancián, no mosteiro de Oseira, ao que fai cesión do seu coto en Marín. “Con todos sus términos, pertenecientes y derechuras” di o P.Tomás de Peralta, historiador do Mosteiro. Pero “los muchos años del dicho Diego y lo austero de la vida monacal… y su volubilidad, le hicieron cambiar de parecer a los cuatro años e irse a los hospitalarios de Portomarín, que hicieron lo posible por llevarse también el coto, con no corta pleito”.

Marín, con todo, quedou unido na súa sorte ao mosteiro de Oseira por 685 anos, erixido Priorado.
Oseira tiña aquí un prior e un granxeiro, con dependencias e servidume. Baixo a súa protección aséntanse colonos, foméntase a pesca e ábrese o porto ao comercio En 1521 o abade de Oseira ordena a construción do castelo de San Fernando para a defensa e seguridade de Marín. Igualmente, en 1626 díctanse sabias ordenanzas que impulsan a pesca. No século XVIII, Marín é unha potencia pesqueira e as industrias de salgadura, que a mediados deste século implantan os cataláns xunto coas novas artes de pesca, acrecentan a súa importancia. Durante a invasión francesa os marinenses participaron activamente na loita.

No século XIX o porto é coñecido internacionalmente, establécense liñas de navegación por importantes compañías nacionais e estranxeiras e, en 1861, inaugúrase un servizo mensual directo de Marín a Montevideo e Bos Aires. Sen embargo, o verdadeiro progreso da vila iníciase cando novas técnicas son introducidas na industria da pesca. Marín, hoxe cidade vizosa, basea a súa economía no porto. O seu é o 3º de Galicia, considerado entre os 4 primeiros da península, está dotado de excelentes servizos. Conta
cunha frota pesqueira de 1ª magnitude na súa modalidade de arrastre con numerosos conxeladores de gran radio de acción. É porto piloto da CEE na pesca de rape. Conta con importantes plantas de conxelado de gran capacidade así como estaleiros de construción de buques de aceiro de grande tonelaxe. O seu porto comercial con calados de ata 14 m. en liña de atracada conta con monumentos de buques mercantes e de cabotaxe e atópase en período de ampliación das súas instalacións.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR