Programación Nadal Marín

Programación Nadal Marín

O programa completo estará dispoñible en formato físico a partir do día 3, pero xa se pode consultar online en:

[button link=”https://www.concellodemarin.es/nadalmarin/” size=”large” color=”red”]Programa NADAL Marín[/button]

 

Marín converterase nunha vila de Nadal a partir do día 3 de decemebro. O espírito destas datas chegará a practicamente todos os rincóns do municipio grazas a unha programación “completa e máis parecida á que habitualmente viñamos facendo”,  que foi presentada esta mañá polas concelleiras Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez, Cristina Acuña e Raquel Soage.

 

Coa decoración interna do Concello xa rematada, as edís presentaron a imaxe do Nadal deste ano, coa que “queremos recuperar a ilusión e as ganas de gozar destas datas tan entrañables e que en Marín sempre se caracterizaron por ter moita actividade para todos os públicos”.

Así a todo, tal e como indica a concelleira Sanmartín, “estaremos ao día das novas restricións que se poidan dar por mor da Covid19 e adaptaremos todo aquelo que sexa necesario para cumprir en todo momento coas medidas vixentes”.

 

O día 3, polo tanto, será o arranque destas festas, co acendido de Nadal, unha iluminación “que este ano conta con máis orzamento e con novidades nos elementos, como o paraugas da Praza de España ou as tiras de luz das árbores da Alameda”, pero que tamén será reforzada polas distintas estacións decorativas que se están a colocar estes días en diversos puntos do centro urbano.

 

A partir de aí “iniciaremos unha programación coa que queremos chegar á xente e animala a que disfrute da nosa vila e consuma nela”.

Comercio e artesanía terán os seus propios mercadiños

A aposta pola economía local é “decidida” por parte do Concello nestas festas e por iso colabora estreitamente coa asociación Estrela de Marín, que organiza a I ExpoNadal Marín, que estará instalada do 3 ao 5 de decembro na Alameda Rosalía de Castro con postos de comercios da nosa vila.

Por outra banda, a artesanía terá a súa propia Feira de Nadal, cunhas casetiñas de ambiente destas datas que estará tamén colocadas na Alameda ata o 5 de xaneiro.

Solidariedade e apoio ás Anpas dos centros educativos

O Mini Mercado de Nadal das Anpas será o día 11 e servirá para poñer o noso grao de area á financiación das asociacións de nais e pais dos centros educativos de Marín, para que poidan seguir realizando actividades ao longo do ano.

Pola súa banda, as ONGs realizarán até tres chocolatadas solidarias programadas en días moi sinalados para que haxa xente abondo e axude á recadación de fondos.

Moita actividade… con todas as garantías

A Alameda e o Parque Eguren volverán inaugurar as súas carpas. A primeira delas estará dirixida para público infantil e funcionará a modo ludoteca, de tal xeito que non entren pais, nais e demais familiares dentro para poder ter aforo para os nenos e nenas. Haberá monitores en todo momento.

No caso da carpa do Eguren, volverá estar dirixida á mocidade maior de 12 anos e contará con xogos de mesa, billares, futbolín e salas de scape room, entre outros atractivos. Volverán ademais dous clásicos do Nadal de Marín: o tren e o carrusel.

A cultura, presente da man das asociacións locais

A tradición e a cultura relativa a estas datas tamén terá o seu protagonismo coa celebración do Rancho de Reis por parte de Pousos da Area, as Panxoliñas e os concertos de Nadal coas corais Lembranzas e a Coral Sociocomunitaria, as actuacións das bandas de Musimarín e da Escola Naval Militar…

Tamén se celebrará o tradicional Festival de Reis en Ardán e o concerto de Kalos para os nenos e nenas. O Museo Manuel Torres, pola súa parte, ofrecerá actividades infantís relacionadas coa pintura e haberá visita dos Bolechas.

Volve a Cabalgata

A Cabalgata das Súas Maxestades tamén volverá facerse coma sempre, con carrozas e coa vistosidade dunha día tan especial para os máis pequenos da casa, aínda que haberá unha variación no Portal de Belén, que se está a valorar a súa ubicación na Praza 8 de Marzo.

 

Anterior Un 25N duro en Marín para visibilizar a violencia machista no colectivo de mulleres maiores

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados