Contacto | Tel.:986 88 03 00

OS MUIÑOS

Os Muíños en Marín
Atravesado por dous importantes cursos de auga, o Concello de Marín conta cun  elevado número de muíños hidráulicos que o converteron na zona de moenda máis importante do Morrazo.

O río Lameira ou Lameiriña, que nace en Castiñeiras, recibe a achega do seu  principal afluente, o río da Grela, discorre por terras de San Xulián de Marín de Arriba e acaba vertendo ao mar en pleno centro urbano de Marín. Dispersos polas súas beiras atopamos unha ducia de muíños, polo regular en estado de abandono, e dos que quizais o máis coñecido sexa o Muíño do Valado que está a ser restaurado polo Concello de Marín para ser incorporado á ecorruta do Morrazo.
O río Neibó-Loira, o outro do Concello, é o máis importante da comarca. Nace na Cruz da Maceira, recibindo os primeiros aportes hídricos do chamado Ollo da Moscosa e pouco a pouco vaise convertendo no río Neibó despois de recibir augas de pequenos regatos como o río do Pozo ou o río Cadadeiro. Xa no seu derradeiro tramo recibe o nome de río Loira o aporte do seu principal afluente, o río das Gorgadas, que ven de Pastoriza e das Gaibas (Ardán). No seu percorrido atravesa as parroquias de Santomé de Piñeiro, Santa María do Campo, Nosa Señora do Carme de Seixo e Sta. María de Ardán, para desembocar finalmente na praia de Loira.

Nos aproximadamente 8 km. do río Neibó-Loira atopamos máis de medio cento de muíños, aos que hai que engadir outra media ducia do seu principal afluente,  converténdoo no potencial centro etnográfico de toda a bisbarra. Ao igual que acontece co Lameiriña, no Loira está sendo rehabilitado polo Concello o Muíño de Lisado ou Cagote, para incorporalo á ecorruta.

Cronoloxía dos muíños
Probablemente xa houbese muíños no Concello de Marín, pero será a partires do século XVII coa introdución do millo (procedente de América) que se adaptara perfectamente ás Rías Baixas, con copiosas colleitas que suporán un incremento da produción cerealística que levará a que o número de muíños hidráulicos se multiplique  considerablemente. Polo tanto, debemos situar a gran maioría dos muíños existentes nos ríos marinenses no século XVIII e, fundamentalmente, no século XIX, con posteriores modificacións e reformas.

Hoxe xa só media ducia están en disposición de moer e practicamente xa non hai ningún que o faga con asiduidade. Entre as causas que puideron provocar este abandono están a chegada dos muiños eléctricos, moito máis funcionais e manexables, e a incorporación ao mundo do consumo onde se prefire mercar a fariña e o pan xa  elaborados.

Propiedade dos muíños
Fundamentalmente en Marín predominan os muíños chamados de herdeiros propiedade de varias persoas que se reparten as horas de moenda e que teñen á súa fronte o cabezaleiro, que se encarga das pequenas reparacións que deben facerse, da custodia da chave, etc. Outro grupo de muíños son de particulares, dun só dono. Por último, atopámonos cos muíños de maquía, que moen para a xente de fóra a cambio dunha porcentaxe de fariña (a maquía) e máis tarde por pago en metálico.

Tipoloxía e feitura dos muíños
Todos os muíños que atopamos no Concello, agás algunha excepción, son de dous tipos chamados de canle (cando a auga chega ao muíño directamente a través dunha “canle”), e de cubo (cando a auga é acumulada nun “cubo” a entrada do muíño para que actúe con maior presión).

De planta máis ou menos rectangular, muros de pedra (cachotaría rústica ou perpiaños ben traballados), cuberta de tella sobre madeira a unha ou dúas augas, conforman a feitura dun muíño tipo nesta zona.

Muíños máis destacados
Ademais dos dous xa citados que forman parte da ecorruta do Morrazo, podemos destacar polo seu tamaño os muíños de Don Benito e o de Maduro, os dous na parroquia do Campo, e que contan con tres moas cada un.

Moi preto deles, tamén no Campo, o Muíño do Buraco, que pasa por ser o máis pequeno e que foi feito no oco que proporcionaron dous grandes cons. O Muíño de Montes (Sta. María do Campo) é un dos que conta con dúas plantas: a superior era a vivenda, e na inferior estaba o muíño. Vivenda tamén tiñan (ou polo menos vivían nel) o Muíño de Franco (en Loira) e outro chamado tamén Muíño de Montes (en Santomé de Piñeiro), dedicados os dous á maquía. Outro curioso era o Muíño Albeiro (no Campo), que recibía este nome por estar dedicado exclusivamente a moer trigo.

O  Muíño de Rosalino (Esperela – Santomé de Piñeiro) que moe con auga do afluente chamado do Pozo, é o máis novo de todos (ano 1945) e conta con materiais de construción como o cemento e o ladrillo.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies