27 outubro 2021
A Festa do Samaín é, desde hai xa anos, unha data imprescindible nos calendarios de pequenos e maiores. Coa chegada do outono e das primeiras castañas, tamén chegan as lendas, o terror e as actividades nos coles.
Os centros educativos de Marín están volcados coa celebración desta festa, decorando as súas instalacións e tratando de deseñar actividades educativas que non só impliquen ao alumando, senón tamén ás Ampas e ás familias en xeral.
Sobre todo, destacan as espectaculares decoracións que se levaron a cabo, tanto no exterior coma no interior dos centros, que permite que os máis pequenos se introduzan de cheo no ambiente do Samaín.
Por outra banda, non poden faltar os concursos de decoración de cabazas, que ano a ano en todos os coles implican ás familias. Tamén en moitos casos aproveitarase a ocasión para facer obradoiros de comida con alimentos típicos desta época ou magostos.
Por suposto, tampouco faltarán os disfraces para que alumnado, ampas e profesorado poidan vestirse de terror e aproveitar. Tamén haberá especial fincapé na narración de contos de medo, elaborados en moitos casos polos nenos e nenas, e na transmisión oral de lendas e narracións curtas que permitan aos rapaces practicar esta aptitud académica.
Desde o Concello, queren poñer en valor todo o traballo que os centros están a facer e agradecer tamén a colaboración das Ampas, grazas ás cales tamén é posible facer do Samaín unha festa especial e chea de “terror”.
No que respecta ao Concello, acordouse con Juan XXIII e coa Comparsa Os da Caña que se decorarán distintos puntos da vila, como a casa principal de Briz ou o Palco da Alameda.
Ademais, o Concello anima á veciñanza a que se faga fotografías nestes decorados, tanto se están disfrazados coma se non, e que suban as súas imaxes ás redes, etiquetando ao perfil do Concello (@concellodemarin) e utilizando a etiqueta #SamainMarin.