Contacto | Tel.:986 88 03 00

Orzamentos 2016.

Onte xoves foi convocada a comisión extraordinaria de Facenda para tratar o proxecto de orzamentos que levou a cabo este equipo de goberno para este ano 2016 para este luns día 4 de abril.

Facilitouse unha copia en papel a todos os grupos municipais para que o teñan con anterioridade á súa explicación para o seu estudo. Entregouse tamén unha copia escaneada nun pen para facilitar a súa revisión, copia que despois do luns se colgará na páxina web don concello e así facilitar aos veciños o seu acceso e información.

Destacar que desde este mes de marzo, unha vez que o departamento de intervención preparou e definiu os estados de ingresos e gastos, empezaron as reunións preceptivas e obrigadas de mesa de negociación cos sindicatos.

Destacar tamén que se celebraron 3 reunións e unha asemblea de traballadores que os propios sindicatos convocaron para explicarlle aos asistentes membros do cadro de persoal municipal a proposta que entre todos se achegara nas reunións previas da mesa de negociación.

Desde fai uns meses por parte do equipo de goberno quérese regularizar a situación de poder contar cunha Relación de Postos de traballo, coñecida como RPT, documento inicialmente elaborado por unha empresa externa que foi entregado para iniciar o seu estudo e a súa presentación nos vindeiros días e que conleva a adaptación dos postos e a distribución de competencias estando nestes momentos o cadro de persoal municipal do concello con diferenzas de salarios nalgúns casos que hai que ir axustando e achegando á proposta ideal que se presenta.

Para ir dando pasos, o orzamento municipal contempla unha partida de 150.000€ que como máximo, unha vez que se aprobe definitivamente ese documento, será de aplicación en función de ir equiparando aqueles grupos que estean peor valorados ata tratar de ir conseguindo mellorar os postos do actual cadro de persoal.

Abordouse a creación de varias prazas contempladas na oferta de emprego que se aprobará posteriormente, xa que é o primeiro ano que a normativa estatal permite a convocatoria de prazas en función das xubilacións que se produciran, contemplándose o máximo de prazas permitido, votándose favorablemente por todos os sindicatos representados no concello.

Polo que, unha vez pechado o capítulo de persoal despois das reunións mantidas cos sindicatos e xunta de persoal, estamos en disposición de presentar o Orzamento municipal para este ano 2016.

Liñas xerais:

Un orzamento que ascende a 12.673.001,97€, lixeiramente superior ao derradeiro aprobado que foi o do ano 2014, concretamente un 2,11 maior.

A pesares de que non se van a modificar as taxas nin os impostos para este ano 2016, isto é, que non hai prevista unha subida dos mesmos no que se corresponde aos ingresos, si que se prevé un pequeno incremento sobre todo polas regularizacións e inspeccións que se están levando a cabo sobre todo no que corresponde a taxas, en canto a abonados dos servizos de auga, lixo e sumidoiros, ademais de que se prevé tamén un incremento nas cantidades que se ingresarán polas transferencias correntes procedentes doutras administracións, sobre todo por parte da Xunta de Galicia.

INGRESOS.

En canto aos ingresos, o 54% provén tanto das Taxas, impostos directos e indirectos do Concello, sendo o resto de Ingresos do Estado e da Comunidade Autónoma.

GASTOS.

En canto aos gastos, podemos destacar que no capítulo de persoal, ascende a 4.841.263€, increméntase o 1% previsto na Lei de Orzamentos do Estado.
Os gastos de persoal supoñen o 38,2% do orzamento, contemplándose a partida anteriormente sinalada.

En canto ao gasto corrente, ascende a 6.314.323€, incrementándose en canto ao anterior orzamento nun 6,9%, supoñendo o 49,83% do total.

Neste gasto corrente reducíronse ao máximo todos aqueles gastos superfluos e, non obstante, incrementáronse aqueles que realmente repercuten directamente nos nosos veciños, pretendendo mellorar e satisfacer as principais demandas e necesidades que se demandan, tratando de mellorar aínda máis os servizos das brigadas de obras e limpeza, e mantendo e mellorando a nosa atención de servizos sociais, centros educativos, cultura, festas e deporte, así como o mantemento das nosas praias, o noso rural e coidando o medioambiente.

INVESTIMENTOS

En canto a investimentos, ascenden a 783.724€, o que supón o 6,2% do total do orzamento.

Basicamente pódese dicir que as partidas contempladas neste capítulo destínanse a dar cumprimento aos distintos compromisos adquiridos por este concello con outras administracións para o cumprimento de varios convenios, engadindo algún proxecto no que se profundizará unha vez presentado.

De novo asumiranse estes investimentos con recursos propios, sen ter que recorrer a ningunha operación de crédito para tratar así de seguir rebaixando a débeda deste concello, situando o nivel de endebedamento deste concello nun 17%, tendo en conta o máximo legal permitido que é do 110% e permitindo así que se rebaixen máis de 140.000€ en relación ao anterior orzamento e que se destinaban a amortizar préstamos e xuros e que agora se destinan directamente a mellorar a calidade de vida dos nosos veciños.

COFINANCIAMENTO DE FONDOS EUROPEOS OU OUTROS CONVENIOS CON OUTRAS ADMINISTRACIÓNS

Esta posibilidade de endebedamento estaría contemplada para tratar de cofinanciar subvencións solicitadas de Fondos FEDER ou outras demandas ou necesidades que ademais de teren unha proxección plurianual, están sen resolver nesta data.

SUBVENCIÓNS

En canto ás subvencións, ademais daquelas nominativas destinadas noutros anos a entidades cun labor social importante como son o Comedor Benéfico, Cáritas e a AECC, este ano daranse tamén subvencións a SOS, Amenac, Sor Elvira e Cáritas Santomé.

Mantense a subvención ao Ateneo Santa Cecilia de 6.000€ e dótase dunha subvención de 15.000€ ao Club Peixe Galego, mantendo o importe de 40.000€ destinado a subvencións de clubs deportivos para repartir sen contar ao Peixe entre o resto de clubs deportivos de Marín.

En definitiva, un orzamento moi axustado e acorde coa realidade económica deste concello, cumprindo co obxectivo de estabilidade orzamentaria así como a regra de teito de gasto.

Ao longo dos vindeiros días irase profundizando en todos os aspectos que contempla, sendo en liñas xerais uns orzamentos para xestionar e ter os pés sempre postos no chan.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies