O Concello bonificará de novo o imposto de lixo á hostalaría e lanzará o programa de formación e asesoramento personalizado “Reactiva Marín”

O Concello bonificará de novo o imposto de lixo á hostalaría e lanzará o programa de formación e asesoramento personalizado “Reactiva Marín”

A expansión da segunda onda da pandemia está supoñendo a toma de medidas restritivas para frear o número de contaxios que están afectando de xeito moi significativo á hostalaría, aínda que tamén ao comercio.

O Concello é plenamente consciente desta situación e está a traballar en medidas específicas a nivel municipal para poder axudar a estes sectores, que supoñen unha parte imprescindible da economía local e que son os piares de emprego e prosperidade do municipio.

Así, a alcaldesa María Ramallo e o concelleiro de Facenda, Manuel Santos, anunciaron este mediodía que os locais de hostalaría, durante todo o tempo que estean pechados, terán de novo unha bonificación do pago do imposto de recollida de lixo.

Esta medida xa se tomou durante o primeiro estado de alarma, pero fíxose extensiva a todos os locais que tiñan algún tipo de actividade comercial, xa que todos tiñan os seus negocios paralizados. Daquela, practicouse unha bonificación de todo o segundo trimestre de 2020, que supuxo para o Concello un esforzo de preto de 50.000 euros.

Desta vez, tal e como aclaran Ramallo e Santos, a bonificación será unicamente para a hostalaría, que é a que sufrirá a partir da medianoite do sábado (as medidas entran en vigor na noite do venres ao sábado ás 00.00 horas) o peche da súa actividade, podendo unicamente dar comidas para levar ou a domicilio.

Así, o Goberno local estende no tempo o Plan de Reactivación Local de Marín posto en marcha durante os peores momentos da primeira onda, para poder seguir axudando a este sector. Neste plan, ademais, xa estaba contemplada a exención total do imposto sobre as terrazas durante todo o 2020 e o 2021.

 

Plan Reactiva Marín: máis de 80.000 euros para a formación e a modernización da economía local

Outra das novidades que anunciaron María Ramallo e Manuel Santos é a posta en marcha de Reactiva Marín, o programa de formación, modernización e asesoramento empresarial personalizado co que o Concello quere axudar ao comercio e á hostalaría a dar un paso adiante no seu proceso de transformación dixital e de aumento da competitividade.

Nun contexto eminentemente dixital é máis importante ca nunca coñecer determinadas áreas de traballo, ferramentas e estratexias que permitan á nosa economía local competir con forza no mercado de hoxe en día.

Por iso, con este plan o Concello quere ofrecer aos hostaleiros e comerciantes unha formación en forma de bonos de 45 horas en distintas disciplinas dos que se poderán beneficiar polo menos 30 negocios da nosa localidade.

“Con este plan queremos axudar á reactivación local de Marín, ofrecendo ferramentas e respostas inmediatas fronte á crise económica que provocará a pandemia do coronavirus. Queremos ofrecerlles aos nosos hostaleiros e comerciantes a posibilidade de formarse en cuestións como o uso das tecnoloxías da información, na mellora da súa imaxe e a ampliación do seu mercado máis potencial, na mellora do seu posicionamento no mundo online… En definitiva, continuar cos obxectivos trazados desde o lanzamento da plataforma dixital Marín en Rede”, declarou a alcaldesa.

Os tres bloques nos que se centrarán os módulos de formación, por tanto, serán:

  • Os servizos de desenvolvemento e mellora da imaxe do negocio
  • Os servizos para a mellora da comunicación e da venda online
  • Os servizos para a mellora da visibilidade, comunicación e posicionamento a través das redes sociais, aprendendo a xerar contidos de alto impacto

Tal e como recollerá a licitación deste plan, que se porá en marcha na maior brevidade posible, a empresa adxudicataria terá que realizar unha valoración inicial de cada un dos negocios seleccionados para participar do programa e despois deseñar un catálogo de servizos personalizados para incorporar nese bono de 45 horas de formación.

Ademais, haberá tamén un apoio no asesoramento para identificar programas públicos que teñan outras administracións para o comercio e a hostalaría dos que, a maiores, se poidan beneficiar os negocios participantes.

Segundo avanzaron Ramallo e Santos, a posta en marcha do Plan Reactiva Marín suporá unha inversión de máis de 80.000 euros, cuxo 80% se investirá con cargo á EDUSI Marín 2020, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

Anterior Unhas Xornadas Blanco Freijeiro máis accesibles ca nunca e centradas no Camiño de Santiago

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados