O ARI leva xestionados cerca de 4 millóns de euros entre axudas privadas e públicas para rehabilitación urbanística

O ARI leva xestionados cerca de 4 millóns de euros entre axudas privadas e públicas para rehabilitación urbanística

Desde que a Oficina do ARI está en funcionamento na nosa vila, lévanse xestionado cerca de 3 millóns de euros en inversión privada e máis dun millón de inversión pública con fins de rehabilitación e urbanización no casco urbano de Marín.

Eses son os datos que manexa este departamento, dirixido por Ivana Conte, que mantivo unha reunión de traballo esta semana co concelleiro de Urbanismo e Facenda, Manuel Santos, para facer balance das actuacións levadas a cabo durante esta última tempada e para coñecer a actividade que se desenvolve diariamente desde a Oficina.

Segundo a técnica expuxo na reunión, nestes momentos estase a desenvolver a cuarta fase das actuacións de rehabilitación no ámbito do ARI de Marín correspondentes co Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. Dende o 2019 ata agora, xa se leva executado case o 50% das obras que se presentaron a esta convocatoria de axudas, o que supón un investimento no último ano de 273.000 euros en obras en edificios de uso residencial. Dese importe, o 50% está financiado a través do plan estatal.

O obxectivo marcado pola oficina para o 2021 e o 2022 é executar ese 50% restante das obras que entraban dentro da convocatoria, chegando así ao teito de inversión privada de 600.000 euros fixado inicialmente. No que respecta á inversión pública, está previsto que se poida contar cunha axuda de 100.000 euros para obras de urbanización de iniciativa municipal.

Por outra banda, o Concello e o ARI anuncian que a semana pasada o BOE publicou un real decreto que permite que se prorroguen as vixencias dalgunhas fases de actuación que que tiñan previsto rematar o 31 de decembro. Segundo indica Conte, “isto permitirá que o Concello poida publicar unha nova convocatoria no 2021 cos remanentes que quedaron dalgunhas fases, dando así resposta á crecente demanda rexistrada na oficina ARI. Deste xeito, contaríamos ata 2022 cunha axuda para obras de rehabilitación de preto de 300.000 euros”.

O investimento total privado no ámbito do ARI dende o 2012 ata agora é de 1.356.110,90 euros en 279 vivendas, con aportación pública de 551.483,41 euros. O concelleiro Manuel Santos asegurou que este “é un moi bo balance e da conta do bo funcionamento da oficina e da enorme intención da veciñanza de rehabilitar e mellorar as súas vivendas, o que ao final redunda nunha mellora colectiva en todo o espazo urbano”.

De cara a 2022, a previsión é acadar as 400 vivendas en total, acadando polo tanto unha inversión xeral de 1.856.110,90 euros no ámbito ARI.

Máis alá do ARI

A todas estas axudas, habería que engadir as intervencións realizadas no resto do termo municipal, fóra do ámbito ARI, que contaron con axudas públicas da Xunta de Galicia nos anos 2018, 2019 e 2020. A Oficina, en coordinación cos particulares e as xestorías das comunidades de propietarios, acadaron axudas públicas por máis de 500.000 euros, cunha inversión privada total de 1.500.000 euros nos tres anos.

 

Tipo de intervencións que máis se realizan

O tipo de intervencións que se levan a cabo nos edificios e nas vivendas é moi similar en todo o ámbito municipal:

  • Mellora da eficiencia enerxética a través de actuacións na envolvente exterior das edificacións
  • Mellora da accesibilidade, tanto nos elementos comúns dos edificios como nos interiores das vivendas
  • Actuacións de conservación e mantemento dirixidas a solucionar problemas de estanqueidade, seguridade…, dando así resposta ao deber de conservación e mantemento do parque edificatorio máis antigo.

Nova convocatoria de axudas para rehabilitación enerxética de edificios

Aqueles interesados que estean pendentes desta nova convocatoria por parte do Concello ou da Xunta, terán aberto o prazo o vindeiro 2 de xaneiro e ata xullo de 2021.

Poden obter máis información sobre a mesma na propia Oficina ARI, na rúa Méndez Núñez, 51 (entreplanta), local 9, ou nos contactos 986890488 ou no mail ari@concellodemarin.es

 

 

Anterior O Concello adxudica o proxecto de humanización da Rúa Camiño Vello de Seixo

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados