Contacto | Tel.:986 88 03 00

MEGALITISMO

Co Neolítico a primeira gran revolución da humanidade, terán lugar grandes cambios e con eles aparecerá tamén a primeira arquitectura monumental de Galicia, o Megalítico, que se desenvolverá fundamentalmente no 3º milenio a.C.

É a arquitectura dos “menhires”, dos “dolmens” e dos Crómlech”.

Especial importancia no noso concello teñen os dolmens ou mámoas, dos que temos abondosas mostras.

As mámoas tiñan unha función funeraria, aínda que hai autores que sinalan outras posibles funcións (sociais, relixiosas, marcas de territorialidade,etc.).

O seu emprazamento está sempre condicionado por unha serie de factores: proximidade das canteiras, terreo axeitado para que puideran ser albiscadas dende lonxe, etc.

As mámoas do Morrazo foron escavadas na súa maioría, nunha campaña arqueolóxica dirixida por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, e a pesares dos espolios sufridos con anterioridade, chamou moito a atención a cantidade de restos atopados, exvotos funerarios compostos por : machadas pulimentadas, fragmentos cerámicos, puntas de frechas, micrólitos, etc,
Moitos destes achados, procedentes das necrópoles megalíticas de Chan de Armada, Chan de Arquiña, e Chan de Castiñeiras, nas extremas entre os concellos de Marín, Vilaboa e Moaña, atópanse hoxe na sala arqueolóxica do Museo de Pontevedra.

En Marín temos mámoas en Monte Campolongo (Pastoriza, Ardán), Forno de Arcas (Pastoriza), Chan da Armada (Santomé de Piñeiro), Lagucheiros (Piñeiro), Allariz-Pedra da Mina (Piñeiro), Gagán ( Piñeiro), Pedralonga (Lago de Castiñeiras), Outeiro (San Xulián), e Campo dos Mouros (Mogor).

Tamén de época megalítica temos a coñecida como Pedrafita de Casa Vellas ou de Currás, menhir de 3´14 m. de altura por 9´5 Tm. de peso. Presenta algunhas gravuras, fundamentalmente cazoletas, e no ano 2003 perdeu o seu primitivo emprazamento por mor da construción da estrada de circunvalación de Marín. Segundo o investigador J. Alberto Alonso Fernández, esta Pedrafita de Currás sería un observatorio astronómico do Neolítico.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR