23 marzo 2021
Un rural vivo, cheo de oportunidades e que permita emprender unha vida alternativa á do casco urbano, pero con todos os servizos de calidade precisos. Ese é o rural de Marín, no que o Concello trata de incidir e actuar para, precisamente, axudar a manter a poboación existente, que de por si é numerosa, e poder captar novos habitantes e veciños para estas áreas.
Precisamente nesa liña, o Concello destaca que nos últimos tempos se incrementou a recepción de peticións e de apertura de expedientes para reformar ou construír unha vivenda nalgún punto do rural marinense.
De xeito concreto, o Concello informa de que nos anos 2019 e 2020 outorgáronse 50 licenzas por parte da Xunta de Goberno local para levar a cabo ben unha reforma ou ben un proxecto construtivo.
“Con isto, evidénciase que existe unha demanda importante por vivir (ou continuar vivindo) no noso rural, apostando polas oportunidades tanto laborais como de calidade de vida que ofrece a nosa contorna máis alá do casco urbano”, explican fontes do Concello.
De feito, coa chegada da pandemia e o impulso do teletraballo en moitas profesións, esta tendencia acentuouse, polo que se prevé que poida haber un incremento nos datos de cara ao vindeiro ano.
Desde o punto de vista dos servizos, o concelleiro de Medio Rural Pablo Novas destacou “todo o esforzo inversor que se está a realizar no rural”, tanto a nivel de mellora de saneamento ou de abastecemento, que son os servizos públicos por excelencia, como no caso do alumeado público, que en moitos casos foi renovado para cumprir cos estándares de aforro enerxético e intensificado nalgúns lugares que precisaban máis puntos de luz.
A mellora dos camiños rurais, pavimentando aquelas estradas máis utilizadas, ou o mantemento da natureza, con plans de desbroces anuais como o que se publicou estes días na web do Concello son actuacións fundamentais para que o rural de Marín siga sendo un polo de atracción.
Ademais, na actualidade hai un servizo que tamén é indispensable: a conexión a Internet. O Concello está a traballar para conseguir que a fibra óptica chegue a todos os puntos posibles do rural marinense.
Segundo indicou o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Hugo González, neste 2021 está previsto que a fibra chegue a Currás, Sobreiras, A Rúanova, Ameal, Cidrás, O Sequelo, A Niñada, Cadrelo, Fixón, O Igrexario, Miñán, Silvestre e Troncosa. Esta instalación realizarase a través de Telefónica, ao abeiro dos fondos FEDER, a través do seu Programa de Extensión da Banda Ancha de Nova Xeración (o PEBANG).