O Concello de Marín atópase inmerso nun proceso de dixitalización da administración, co obxecto de mellorar a eficiencia e a calidade dos servizos prestados á cidadanía. Este transformación enmárcase na EDUSI Marín 2020, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Esta EDUSI acolle como un dos seus obxectivos a mellora do uso e da calidade das tecnoloxías da información e da comunicación, facilitando o acceso ás mesmas, tal e como se fixo coa medición dos aforos das praias de Marín durante o verán ou como se está a traballar no marco da estratexia de Smart Mobility, que ofrecerá información en tempo real sobre estacionamento e transporte público.
A estas actuacións súmanse todas as accións que se están a desenvolver precisamente para a administración electrónica de Marín teña cada vez procedementos administrativos máis sinxelos, achegando a burocracia local á cidadanía con transparencia, afianzando a cogobernanza.
Así, o Concello iniciou esta mañá os traballos de instalación do sistema que fará funcionar a plataforma software para a gravación e xeración de vídeo actas dixitais, que permitirá a posibilidade de retransmitir en streaming as distintas sesión do Pleno da Corporación, así como gravar e catalogar automaticamente toda a información xerada nas reunións de maneira audiovisual.
Este proxecto, que xa se incluía na formulación orixinal da EDUSI Marín, gaña aínda máis protagonismo é relevancia nestes momentos, no contexto da crise sanitaria da pandemia Covid19, no que é imprescindible contar con ferramentas dixitais que permitan superar os impedimentos que supón o cumprimento das medidas de prevención e hixiene.
Co sistema de vídeo actas conséguese tamén elaborar de xeito case instantáneo as actas dos plenos, combinando a gravación do vídeo do propio Pleno municipal cun documento electrónico que contén a orde do día e que permite, así, segmentar despois seguindo os puntos.
Estas vídeo actas arquivaranse no servidor do Concello cunha copia de seguridade que permanecerá na Secretaría municipal e tamén estarán a disposición da cidadanía para a súa consulta a través da páxina web ou doutras canles de comunicación oficiais do Concello.