Contacto | Tel.:986 88 03 00

III Serán Pousos da Area.

A Asociación Pousos Da Area e a Concelleira de cultura do Concello de Marín presentaron hoxe o III Serán Pousos da Area segue na liña de recuperación dos seráns tradicionais comezada nas dúas edicións anteriores. Os seráns constituían o punto de encontro dos veciños dunha aldea para a diversión despois dos duros traballos que pasaban durante o día. Xuntábanse mozas e mozos para bailar e cantar coa intención de coñecerse e pasar un bo rato todos xuntos. Normalmente, acudía tamén a xente maior da aldea para “vixiar” ós mozos e, a maior parte das veces, eran as encargadas de cantar e tocar para que bailarán os máis xóvenes. En Marín, a tradición dos seráns perdeuse hai máis de cen anos e non se atoparon testemuños escritos da súa clara existencia, aínda que deberon de existir nas aldeas do interior do concello, xa que hai xente que recorda que seus pais ou avós falaran sobre este tipo de reunións. En cambio, nas aldeas do interior da provincia de Pontevedra, esta tradición conservouse até medidados do século pasado. Aínda hai xente que recorda ir ós seráns sendo mozos e constitúen a mellor referencia para saber como eran en orixe estas festas.

Este ano imos contar con novas actividades que non había nas edicións anteriores. Ás 19 horas comezaremos cos xogos tradicionais no Multiusos do Mercado de Abastos. Esta actividade está dividida en 3 bloques: o primeiro é un conxunto de xogos máis “físicos”, como son as chapas, pescar a botella, etc.; o segundo está formado por xogos cantados e bailados en grupo e, por último, faremos un pequeno obradoiro de confección de instrumentos pobres, construídos a partir de cana, e que eran os instrumentos que se construían os nenos ata non hai moito tempo.

Ás 21 horas faremos a chamada ó serán na Alameda. A orixe desta actividade vén do xeito en que se avisaba á veciñanza de que ese día había serán. Recorríanse as aldeas cantando nos cruces dos camiños cantos que se chamaban cantos de entrada ou chamada ó serán. Deste xeito, a xente que o escoitara sabía que esa noita había serán na aldea e xa se reunían no lugar acordado, Ó rematar a chamada iremos tocando en pasarrúas até o Multiusos para chamar a xente ó serán. A entrada farase con farolillos simulando aqueles de carburo que empregaban antano para iluminar as cortes nas que se reunían para cantar e bailar.

Xa ás 21:30 comezará o serán aberto coa actuación das escolas de gaita e pandeireta de Pousos da Area e a continuación, seguirá o serán aberto a tódolos grupos que se anoten. Ofrecerase ós asistentes orella, chocolate con rosca e tamén queimada, feita do xeito tradicional e coa lectura do conxuro da mesma.”

Dende a Concellería de cultura destácase a intención de seguir colaborando económicamente coas asociación nas que a súa intención sexa a recuperación das nosas tradicións para que sobre todo os mais novos as coñecen e non queden tan só na memoria e nas vellas e fermosas fotos, como a que acompaña o cartel.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR