Integrado en plena natureza atopámonos coa Granxa de Briz, un paradisíaco lugar que conta con divertidos xogos infantís.
Conta cunha zona de aventura, con lagos, tobogáns e xogos integrados na natureza, a lagoa natural e a artificial e a ladeira dos sentidos.
Un auditorio ao aire libre cun escenario un tanto peculiar e bancada que resulta moi cómoda para gozar dos concertos e espectáculos. Todo iso sobre unha superficie de 23.690 metros cadrados.
Sen dúbida, un interesante lugar de recreo, ocio e espallamento.
A Finca consta de tres casas, a primeira e “chalé principal”, “a casa bodega” e a terceira e última denominada casa dos “caseiros”; está rodeada por unha muralla (que aínda se conserva e que foi construída na mesma época que a casa máis antiga, coñecida como “casa bodega”) e no seu interior podemos atoparnos con infinidade de árbores froiteiras, especies autóctonas e viñas, así como unha pequena lagoa.
Un pouco de historia:
Esta finca era a antiga Granxa da Costa dos monxes de Oseira que tras a Desamortización foi mercada por D. Roberto Munaiz en 1838.
A familia Munaiz levanta no solar unha vivenda que se coñecería coa denominación de “Villa Paula”, nome, este, que compartían tanto a muller do propietario coma unha neta.
En 1942 unha descendente, Dna. Ana Mª Saraiva Munaiz , casada con D. Marcelino Briz, decide edificar un chalé na finca, que se converterá na súa residencia de verán, e que será sempre recordada polos seus bailes nocturnos de sociedade, coa asistencia de destacadas personalidades da época: militares, políticos, empresarios e amizades da familia.
En outubro do ano 1999 a finca pasa a titularidade municipal ao ser adquirida aos irmáns Briz Saraiva por 150 millóns de pesetas. Dende aquela recibiu por parte do Concello a denominación de Finca de Briz, perdéndose así o vencello que co apelido Munaiz mantivera ao longo de tantos anos.