Contacto | Tel.:986 88 03 00

Estrea documental “Homes de Xeo”

O xornalista de Mogor, Carlos Prado Pampín, estrea en Marín un documental sobre a Antártida

O traballo audiovisual, Homes de xeo, conta a vida de tres persoas galegas no polo sur a bordo do buque Hespérides. A súa estrea será o venres, 27 de outubro, na Biblioteca Municipal de Marín

 

O xornalista e realizador audiovisual Carlos Prado Pampín, nado na parroquia marinense de Mogor, estrea o vindeiro venres 27 de outubro, 20:30 horas, o documental Homes de xeo: galegos na Antártida, unha obra rodada no polo sur durante a súa viaxe a bordo do Hespérides o pasado mes de febreiro.

O autor de Marín estivo na Antártida como enviado especial da La Sexta Noticias, canle de televisión na que traballa dende hai 10 anos, para realizar unha serie de reportaxes sobre o cambio climático e as súas consecuencias no continente de xeo. Froito da viaxe, naceu a idea de rodar un documental propio. “Cando comprobei que o barco estaba cheo de galegos, tanto mariños coma científicos. Entón tiven a ocorrencia de rodar como viven os nosos paisanos o día a día nun entorno como é a Antártida dentro dun barco durante 6 meses”, conta Carlos Prado.

O documental Homes de xeo, narra, a través da experiencia e as voces de tres galegos, o xefe de cociña do barco, un científico, e o patrón de embarcacións do Hespérides, como é a vida na Antártida, o traballo que alí desempeñan, as marabillas que agocha o polo sur, a morriña que senten a 15.000 quilómetros da casa, ou as consecuencias do cambio climático, entre outros temas. “Pretendo que todos coñezamos e valoremos un pouco mais a vida dos galegos en alta mar, como é o seu traballo entre o xeo, o que pensan e senten, e o mesmo tempo quero amosa-la importancia que ten a Antártida para a saúde do planeta e como o quecemento global comeza a afectar a esta paisaxe. Todo a través dos ollos de tres galegos”, explica o reporteiro de Marín.

As condicións especiais da Antártida, onde o xeo, o frío, os animais salvaxes, os glaciares, as tormentas… están á orde do día, provocan que a convivencia no buque de investigación oceanográfica Hespérides sexa “máis intensa e próxima, cun gran compañeirismo entre a tripulación, coma unha gran familia que traballa unida. O ambiente a bordo do buque é fantástico, dende o  primeiro momento no que subín ao barco, sentinme coma na casa”, asegura Prado Pampín. E non é para menos, entre a tripulación do Hespérides da campaña Antártica 2016/2017, Carlos Prado atopouse con dous veciños de Marín e unha decena de galegos.

A estrea do documental será na Biblioteca Municipal de Marín e estará presentado pola concelleira de Cultura do Concello de Marín, María José de Pazo Allariz. Tamén intervirá o propio autor, Carlos Prado Pampín. A entrada é de balde ata completar o aforo.

Entre os traballos máis coñecidos de Carlos Prado Pampín atopamos a curtametraxe de ficción Vellas, protagonizada pola avoa de Carlos e por unha veciña de Mogor. A curta foi finalista dos Premios Mestre Mateo 2008 na categoría de curtametraxe de ficción e finalista no festival de Cans 2008 (O Porriño).

Carlos Prado tamén é o realizador da curta-documental “A mano o a máquina”, un traballo que viralizou nas redes sociais e superou o millón de visitas. Amosa a simpática conversación de dúas xubiladas galegas (de novo a súa avoa Malita e a súa veciña Aurita) sobre as novas tecnoloxías nunha fonte de Mogor, mentres lavan a roupa a man.

Prado Pampín tamén conseguiu o Premio internacional BEFESA de xornalismo medioambiental 2016 polo seu traballo nas novas da Sexta televisión.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies