Contacto | Tel.:986 88 03 00

CASA CONSISTORIAL

A actual Casa do Concello é un sobrio edificio ecléctico de elaborada pedra tallada,  planta cuadrangular,  cuberta a catro augas, e torre do reloxo nun dos seus extremos. A fachada principal conta cun pórtico asoportalado con arcos de medio punto sobre columnas, coa parte superior a modo de balconada balaustrada. Remata, tanto a torre como a fachada principal, nun corpo ameado, nun intento de darlle á edificación un aspecto máis antigo, de pazo, castelo ou casa nobre.  

Data de tempos da IIª República e substituíu a outros antigos asentamentos do concello, primeiro na rúa Calzada e despois na rúa Real. Houbo incluso negociacións frustradas para mercar o vello Priorado de Oseira para destinalo a consistorio, feito este que de ter prosperado  tivera suposto a salvación dun dos edificios máis sobranceiros da vila.

Con proxecto do arquitecto D.Juan Argenti Navajas, os contratistas designados foron Antonio Moreira Pérez e José Mª. Torres Ruibal, e como emprazamento escolleuse a zona resultante dos recheos que se estaban a levar a cabo no lugar coñecido como Areíña. Os traballos de construción tiveron lugar entre os anos 1927 e 1930 e xa no 1931, en plena IIª República, é inaugurado pola nova corporación municipal republicana. O edificio acollía tamén o xulgado municipal, ao que se tiña acceso pola súa parte traseira.

Como dato anecdótico, dicir que a pesares dos avatares históricos,  de case 40 anos de franquismo onde se mudaron  nomes de rúas e se eliminou toda a simboloxía da etapa anterior, o escudo republicano da fermosa vidreira do salón de plenos, conservouse intacto e chegou ata os nosos días.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR