Contacto | Tel.:986 88 03 00

BIOGRAFÍA DE MANUEL TORRES

 

Naceu en Marín (Pontevedra), na rúa da Calzada, o 17 de xuño de 1901, seu pai era mestre de obras, foi o segundo de tres irmáns, o máis vello marchou para o Brasil e o máis novo estudou a carreira de Maxisterio, acadando o cargo de Director da Escola de Maxisterio. Seus pais alcanzaron unha longa idade. Dende moi rapaz asiste ao parvuliño de monxas de ” La Inmaculada Concepción”, onde aprende as primeiras letras, e á idade de 7 anos pasa ao Colexio de San Luis Gonzaga, dirixido polo crego Don José Trasande, persoa da co pintor garda un grato recordo e ao que dedicará algunhas das súas obras.

As primeiras leccións de debuxo, recíbeas de Carlos Castuella Caracuel, home de vea artística e extraordinario calígrafo da letra inglesa, polo que con este influxo, aos 15 anos fai un pseudo – colaxe, conxunto de folliñas de delicada letra e debuxos a prumiña, de moita meticulosidade, que dedica a Xosé Trasande, polo seu santo.

Do 1914 consérvase unha paisaxe, metade copia metade ideado, onde a súa maior preocupación era reproducir con fidelidade, ata o máis mínimo detalle.

Dos seus inicios di: Eu non sei polo que empecei a debuxar e a pintar, a non ser porque sentía de tal maneira que sen ningún estímulo aínda o facía espontaneamente. De pintura non puiden estudar nada, porque non había maneira de facelo. Ademais, o ambiente en certa medida menosprezaba a ocupación dun artista, dun pintor, e xa non falemos dun poeta, ao que se consideraba un tolo, porque o artista estaba considerado como unha persoa que non tiña en que pasar o tempo, e dedicábase a facer parvadas.

Estudou a carreira de Maxisterio por libre en Marín, do 1914 ao 1918, e tampouco agora abandonará o Colexio, xa que ten ao seu cargo unha clase de párvulos. Por esixencias da disciplina de debuxo, debuxa e presenta unhas láminas, polas que o Tribunal lamenta non poder darlle Matrícula de Honra, por non estar contemplada tal cualificación para esta disciplina.

A epidemia da gripe de 1918 paraliza a vida académica de Marín, así que toma unhas vacacións forzosas, que lle darán máis tempo para dedicarse á súa afección favorita. Xosé Trasande, Director do colexio de San Luis Gonzaga, e Capelán do Colexio da Inmaculada Concepción, estimúlao e alenta, proporcionándolle o material que necesitaba: cabalete, lenzo, pinturas, etc. Tamén Sor Dolores Mosquera, do Colexio da Inmaculada permitiulle facer uso dos materiais que alí había e facilitáballe estampas para copiar, unha delas foi “Los niños comiendo pasteles” de Murillo que ela mesma dirixiu. (Esta obra data do 1.917 polo que se entende que foi pintada no curso 1917/18, trátase dun óleo sobre lenzo, que tivo enrolado ata que llo dou a Alberto Mallo Area, encargado do Museo Torres, no mes de novembro de 1.993). Ao retomarse as clases, despois da epidemia, axudou ao pintor, Lino Gerpe; nos preparativos dos decorados do teatro da escola, grazas a iso, aprendeu a técnica da témpera, a partir de aí, sempre se encargou de facelos el mesmo.

No 1921 inicia o seu labor como colaborador dos medios informativos; o primeiro foi como correspondente do Faro de Vigo en Marín, ao mesmo tempo que fai algo para o Diario Suevia de Pontecaldelas, utilizando, case sempre, os pseudónimos: Xan do Río, Xan da Ría, Codesido, da Costa, M. T., e poucas veces Manuel Torres. Alterna estas afeccións co seu traballo de Mestre no Colexio San Luis Gonzaga.

No 1923 presentouse ás oposicións en Santiago de Compostela e obtivo o número cinco, pero non se lle concede praza en propiedade ata abril de 1925 polo que prosegue dando clases no Colexio San Luis Gonzaga.

En Xaneiro de 1.925, concédenlle unha praza interina que solicitara en Couso, lugar de Campo Lameiro (Pontevedra), e o 21 de abril do mesmo ano, toma posesión de praza en propiedade na Escola de S. Miguel de Oia, en Canido (Vigo), comezando de colaborador asiduo no Faro de Vigo substituíndo a Maside, que fora chamado para desempeñar o cargo de Director artístico no “El Pueblo Gallego”.

Na praza de Urzaiz, encontrábase o Derby Bar, café que acollía a todos os colaboradores dos periódicos que se editaban na Vila do Berbés, os máis destacados : Rafael Dieste, Maside, Paz Andrade, Juan Carballeira, Roberto Blanco, Torres, etc. e cando estaban de paso viñan Paco Luis Bernárdez, Fernández Mazas, Eugenio Montes, Castelao… Estas novas amizades de Torres danlle oportunidade de colaborar na revista “Céltiga”, editada en “Buenos Aires” quincenalmente dende 1924 ata 1932, para a cal achega debuxos e viñetas; que se publican na mesma páxina ao carón das de Castelao e Maside, baixo o Título:”Humorismo por Torres”. A primeira achega foi o 10 de xullo do 1925 e duran ata xuño do 1929. É agora cando empeza a amizade de Torres con Maside. Torres dirá: Eu fun cara a el, porque era o artista máis importante daquel momento en Vigo, pois Castelao vivía en Pontevedra. Maside xa sabía moito máis ca min, pois antes de ir para Vigo xa estivera en Madrid, traballando para unha casa de publicidade. Levárao o tamén debuxante e humorista vigués Federico Rivas Montenegro do que eu fun tamén amigo. Torres, para poder estar máis tempo con Maside deixaba a pensión de Canido e trasladábase os fins de semana á de Maside, na rúa Mª Berdiales; regresando os luns para escola. Tamén ía os xoves ao “Derby”, polo que o chamaban cariñosamente “Xoves”. Neste tempo a influencia de Maside é grande, Torres conta que cando debuxaban xuntos, Maside asombrábase da rapidez con que o facía e adoitaba dicirlle : Torres, ti xordes moito. Testemuña desta amizade que durará toda vida é o gravado ” Leiteiras” que Maside lle regalou coa seguinte dedicatoria ” A Manuel Torres, artista y hermano. Maside  Vigo 1938″. Este gravado foi premiado en Madrid nunha exposición.

Sen dúbida, a formación de Torres como debuxante satírico debe poñerse en relación, primeiro con Castelao, e pouco despois con Maside. Cando Torres se encontrou co mundo artístico madrileño “oficial ” e asiste ao Circulo de Belas Artes, dixo: En Madrid atopeime cun mundo artístico non moi abraiante, aqueles que ían a aprender alí, sabían tanto ou aínda menos ca min, porque nas cousas que facía non quedaba atrás, incluso cando facía algo un pouco orixinal chamábanme a atención.

Dende os seus comezos no Faro de Vigo fai viñetas en varias secuencias, nas que desenrola un episodio. Logo seguirá este mesmo método nas publicacións “El Sol” e “La Libertad”.

No ano 1932, expón a obra “O Buzo”, na “Exposición Nacional de Belas Artes”, onde recibiu unha crítica moi agasallada, aínda así, non volverá mandar outra.

Dende o ano 1933 e ata a súa xubilación, dedícase plenamente ao ensino primario, seguindo fiel a súa paixón pola arte, plasmando nos lenzos, e demais materiais, as paisaxes da súa terra, os personaxes, cos seus atavíos e costumes, coas máis delicadas técnicas e estilos. Chégalle a xubilación no ano 1967, deixa a súa querida escola na Banda do Río, onde tantos e tantos rapaces, que aínda o gardan nos seus corazóns, aprenderan con este bo mestre a súa ensinanza primaria.

Chegando ao ano 1982, é obxecto dunha gran mostra antolóxica na Bienal de Pontevedra, logo expoñerá súa obra en diversas mostras que percorrerán toda Galicia, as últimas foron na “Sala Gaviota” de Vigo, na Sala de Pilar Parra “Galería de Arte”de Sanxenxo no 1993. Dende o 1 ao 11 de marzo do 1.994 expón de novo na Sala da Caixa de Pontevedra, recibindo eloxios por parte dos críticos da arte e máis da prensa. E por último, fixo unha exposición conxunta co seu gran amigo de toda a vida “Laxeiro” no mes do 4 ao 14 de maio na sala da Delegación de Cultura de Pontevedra.

Ano 1986, publica o seu libro “Do Meu Cartafol”. No 1.987, Guillermina Soler escribe o libro que foi editado polo Servizo Central de Publicacións da Xunta de Galicia, Consellería da Presidencia, titulado “El Pintor Manuel Torres”.

O 21 de abril do 1.989, doou 77 das súas obras ao Museo M. Torres.

En 1990, recibe a Medalla Castelao.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR