19 outubro 2021
As mulleres maiores, especialmente aquelas de máis de 65 anos vítimas de violencia de xénero, serán o colectivo homenaxeado este ano no 25N cos Premios Lazo Violeta. Así o decidiu esta semana o Consello da Muller, que explica que estas mulleres “son invisibles, moitas están illadas e non gozan de boa saúde”, e engaden que cando son sometidas a violencias de todo tipo, “non a comparten coa súa contorna por vergoña ou falta de apoios”.
A concelleira de Igualdade, Marián Sanmartín, que presidiu o Consello, explica que esta homenaxe se apoiará na Residencia da Terceira Idade de Marín como un símbolo representativo deste colectivo de mulleres. O acto de entrega dos premios, que centrará as actividades conmemorativas do Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro), será no Salón de Plenos do Concello ás 12.30 horas.
Con respecto á declaración institucional que se lerá, mantéñense os puntos que se valoraron na Mesa de Traballo Contra a Violencia de Xénero. Incidirase na necesidade de traballar unha sexualidade responsable entre a poboación máis nova polo incremento dos casos de violencia sexual que se da neste colectivo, moitas veces asociados ao consumo de alcohol e drogas.
Tamén se pedirá a dotación de recursos suficientes para desenvolver unha parentalidade positiva nas familias, sobre todo cando se produce a ruptura na parella, insistindo na necesidade de que ambos proxenitores asuman a resposabbilidade das crianzas.
Visibilizarase tamén a violencia vicaria como forma de instrumentalización das crianzas e recoñecerase como violencia económica o impago de pensións de alimentos ou compensatorias. E tratarse de incidir en reconsiderar nos procesos civís de separación ou divorcio os ingresos procedentes dunha prestación por violencia de xénero das mulleres con este dereito económico para non favorecer ao maltratador, xa que, nos procesos de separación ou divorcio, cando existe un auto de violencia de xénero con posibilidade dunha prestación económica por esa causa, utilízase para diminuír a pensión compensatoria e consecuentemente favorecer ao maltratador.
Grupo de intervención comunitaria
O xoves volve reunirse o Grupo de Intervención Comunitaria, aberto ao público e que quere ser un espazo de expresión que permita a mobilización de ideas e pensamentos cunha base comunitaria.
O grupo reunirase os primeiros e terceiros xoves de cada mes, de 18.00 a 20.00 horas, na Finca de Briz.