5 agosto 2021
As Festas do Carme non só foron unhas festas. Grazas aos eventos que se realizaron na quincena máis festiva da vila foi posible realizar unha inxección económica na economía local, grazas ao formato escollido, moi local, moi de apoio ao noso, de pequeno formato e con diversidade de grupos e actuacións.
En total, a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, indicou que a inversión ascendeu a cerca de 155.000 euros, dos cales é importante destacar que houbo unha partida específica para garantir en todo momento a seguridade e a loxística que esixe o cumprimento da normativa Covid e que supuxo un gasto cercano aos 15.000 euros.
“En todo momento apostamos pola contratación de artistas e grupos locais para a animación musical que se espallou polas rúas e prazas”, explicou a edil, que tamén incidiu en que os traballos de montaxe, produción e demáis cuestións relacionadas cos espectáculos festivos recaeron en empresas da vila ou da comarca.
En total, a inversión en pasarrúas, charangas, actuacións da banda de música, as batucadas e as actuacións infantís ascendeu a cerca de 42.000 euros. Unha cantidade á que se suma o investido nos concertos e espectáculos da Praza de España e do Parque Eguren, sobre 80.000 euros. Ademais, sumouse unha partida adicada á iluminación, cercana aos 4.000 euros de inversión.
“O noso obxectivo era que estas festas tamén supuxeran unha axuda para un sector, como é o cultural e o musical da nosa vila, que tamén está notando en carne propia as consecuencias da pandemia e que precisa de programacións estables que lles permitan seguir realizando a súa actividade”, explicou Sanmartín.
Outro importante apoio para a hostalaría
Máis alá da repercusión económica directa, as Festas do Carme teñen repercusións indirectas para o resto de sectores económicos, especialmente para a hostalaría.
A realización de pequenas actuacións en zonas onde existen locais permitiu que o conxunto de establecementos hosteleiros puideran aproveitar a afluencia de persoas e a permanencia nas terrazas.
Con este revulsivo, desde o Concello séguese apostando por tratar de axudar a que o sector da hostalaría teña marxe de actuación para recuperar as perdas derivadas das restricións. De feito, segue activa a exención do imposto das terrazas até finais do 2021.
De cara ao resto da tempada estival, nestes momentos está paralizada a programación pola incidencia da pandemia, mais se segue a traballar para reactivar as actividades en canto sexa posible.