Arranca a Semana da Solidariedade para poder celebrar este Nadal de xeito equitativo e digno

Arranca a Semana da Solidariedade para poder celebrar este Nadal de xeito equitativo e digno

A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, mantivo esta mañá una reunión con representantes das ONGs da vila e coa asistenta social para facer balance da situación no municipio e para coordinar a campaña de Nadal no inicio da Semana da Solidariedade.

Desde hoxe e ata o venres, celébrase estes días unha semana na que Concello, ONGs e centros educativos traballan xuntos para que estas festas, que serán máis íntimas ca nunca, poidan ser gozadas por todas as familias, independentemente da súa situación económica.

Por iso, o alumnado poderá levar ao seu centro educativo durante toda a semana alimentos non perecedoiros, produtos típicos destas festas e produtos de limpeza e hixiene persoal, que ao finalizar a semana serán recollidos por persoal do Concello para logo poder repartir todo o recadado de xeito equitativo entre as distintas organizacións solidarias da vila.

“Este ano precisamos máis ca nunca axudar e colaborar, porque a situación de crise sanitaria tamén se está a converter nunha fonda crise económica que afectará a moitos fogares”, expuxo a concelleira, polo que tanto ela como os representantes das organizacións solidarias animan a toda a veciñanza “a participar e aportar o seu grao de area”.

Ademais, o Concello aportará unha axuda de máis de 4.000 euros para potenciar esta campaña de Nadal entre os usuarios das organizacións.

Cerca de 300 unidades familiares asistidas

Tal e como se analizou durante a sesión de traballo, durante estes meses notouse “un aumento das familias que precisan de asistencia social, debido na gran maioría dos casos a cambios na situación laboral e económica derivados da situación sanitaria provocada pola Covid19”.

Sumando a todas as asociacións, en total estase prestando asistencia a cerca de 300 familias.

Unha axuda anual de 13.500 euros

Ademais das axudas puntuais para determinadas campañas, como esta de Nadal, o Concello aporta ás ONGs municipais unhas subvencións nominativas que cada ano axudan a estas organizacións a afrontar xestións e outros gastos derivados da súa actividade, que é esencial.

En total, estas subvencións suman 13.500 euros anuais de axuda directa á asistencia social.

Anterior Marín lanza unha mensaxe de esperanza e de ánimo a través dos seus #EmbaixadoresDoNoso

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados