Arranca a época festiva en Marín coa celebración do Carme

Arranca a época festiva en Marín coa celebración do Carme

07 xullo 2021

O Concello de Marín dá inicio ao seu programa de dinamización do verán este venres, día 9, coa apertura dun rosario de actividades que pretende ser un motor cultural, de ocio e de reactivación da economía local, que combina actuacións de pequeno formato con outros pratos fortes, pero todos adaptatos ás circunstancias sanitarias.

Así, o venres abrirase ás 12.00 horas a mostra de artesanía do 9 ao 19 de xullo, na Alameda de Marín. Ás 17.00 horas, haberá fase clasifcatoria de Petanca, organizada pola Asociación Gharaboto, no Campo da Praza de España.

Chegadas as 20.30 horas, Pousos da Area inaugurará o ciclo de pasarrúas e fnalmente ás 21.00 horas dará comezo o pregón das Festas do Carme, que cambia a súa localización e pasa a celebrarse no Parque Eguren, co obxectivo de poder dar maior cabida aos espectadores. O pregoeiro José Francisco Gil Dopazo estará acompañado do grupo Picuíña e promete sorpresas nun pregón que, de seguro, será diferente.

A partir das 22.00 horas tomará o testigo a batucada Maracumbé Bloco polas rúas de Marín e media hora máis tarde, a partir das 22.30 horas, iniciarase a animación musical, con Somoza Trío en Almuíña e Praza de España; Algo pasa con Mary en Ezequiel Massoni e Los 3 Latinos en Méndez Núñez.

Sábado

O día 10 seguirá a petanca ás 10.00 horas, cunha primeira fase clasifcatoria, e ás 17.00 horas desputaranse os cuartos de fnal. A partir das 20.00 horas, haberá misa na honra de San Cristovo, na Igrexa de Santa María do Porto, e posterior procesión, coa colaboración da Asociación Cultural Chaneiros.

Ás 21.00 horas, o Parque Eguren acollerá o XV Certame de Bandas de Gaitas Virxe do Carme, organizado por Airiños de San Xulián, e que contará coa participación das bandas de Os Zoqueiros, de Porriño; Aires de Cobres, de Vilaboa, e Airiños.

A esa hora tamén haberá un espectáculo infantil a cargo do Mago Noel na Alameda e media hora despois a charanga Jalácticos encherá de son as rúas de Marín.

Rematado o certame, iniciarase no Parque Eguren o monólogo de Miguel Lago e ás 23.00 horas, comezará a animación musical con Algo pasa con Mary, Grupo Rever e Raúl & Cía, na Alameda, en Méndez Núñez e en Augusto Miranda, respectivamente.

Reunión cos pasarrúas

Por outra banda, a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, reuniuse esta mañá con representantes dalgúns dos pasarrúas que participarán nas festas para coordinar con eles os traxectos e itinerarios que seguirán nas súas actuacións.

Entradas París de Noia

Ademais, mañá a partir das 11.00 horas poderán reservarse as entradas para a actuación da París de Noia na Praza de España. O Concello lembra que se poderán coller a través da web do Concello, de Enterticket e no Museo Torres, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.

O concerto será sentados, polo que as entradas son dobles, é dicir, que por cada cadriño que se selecciona na web, estanse a reservar dous asentos.

Anterior Entradas DVICIO

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados