03 abril 2021
O Concello de Marín vén de anunciar a aprobación do proxecto para a urbanización da Travesía República Arxentina, que comunica as rúas República Arxentina e Inferniño, o que suporá un importante cambio no urbanismo da zona e na mobilidade urbana.
Na actualidade o ámbito presenta dúas situacións moi diferentes. Por unha banda, o extremo leste, que entronca coa rúa República Arxentina atópase completamente urbanizada e edificada. Este tramo de 44 metros de lonxitude atópase pavimentado e conta con beirarrúas en ambas marxes e todos os servizos urbanísticos (alumeado público, rede de saneamento e pluviais, abastecemento, enerxía eléctrica, telecomunicacións e subministro de gas). A rúa executada remata nun muro que separa o ámbito urbanizado do regato e das fincas sen urbanizar.
O tramo de rúa de nova apertura está composto por tres parcelas en estado de semiabandono, con cascallos e peches metálicos provisionais.
As dúas zonas están separadas por un regato, que no seu extremo norte está canalizado baixo o solo urbano e cara sur permanece a ceo aberto.
Tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, “coa urbanización da rúa poderemos mellorar as conexión Nestea zona e dotaremos dos servizos de saneamento e recollida de augas pluviais, abastecemento de auga, alumeado público, enerxía eléctrica en baixa tensión, telefonía e rede de distribución de gas a ese novo vial plantexado”.
Para levar a cabo esta actuación, foi preciso obter unha autorización de Augas de Galicia polo regato que vai por baixo da área e xa foi rematado o pago das expropiacións e a firma das actas de ocupación dos terreos o pasado 26 de marzo.
A inversión da apertura do novo viario ascenderá a 256.407,09 euros, para a que se solicitará unha subvención ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.