O Nadal é un momento no que, máis ca nunca, debemos ser solidarios e apostar pola integración de toda a veciñanza, axudando a que aqueles que máis o precisan poidan gozar tamén destas datas tan sinaladas e que este ano serán moi familiares e caseiras.
Por iso, o Concello escolle esta data como a máis axeitada para levar a cabo unha recollida de alimentos cos centros educativos. Esta recollida realizarase no marco da “Semana da Solidariedade”, que será do 14 ao 18 de decembro.
O obxectivo é que durante estes días o alumnado poida aportar algún produto que sexa non perecedoiro, típico de Nadal ou de limpeza a hixiene persoal. Para garantir todas as medidas de prevención vixentes por mor do coronavirus, será unha persoa empregada do Concello a que pase polos centros educativos o día de remate da campaña voluntaria para recoller todos os alimentos conseguidos en cada centro.
Posteriormente, realizarase o reparto equitativo entre as seis ONGs de axuda que existen no noso municipio: o Comedor Benéfico, Cáritas, Cáritas Santomé, Ayuda en Acción Sor Elvira, Amenac e SOS.
O Concello lembra que se trata dunha campaña voluntaria e agradece tanto aos equipos directivos dos centros como ao propio alumnado a súa colaboración desinteresada.