A alcaldesa, María Ramallo, recibiu á presidenta da Xunta Local de Marín da Asociación Española Contra o Cancro, Emilia Rey Parada, e co coordinador Telmo Crespo Tojeiro, que lle presentaron á rexedora as cifras da actividade que ten levado a cabo desde xaneiro esta asociación, cuxo labor é tan importante.
O servizo máis demandado polos usuarios e usuarias da AECC de Marín é o apoio psicolóxico, no que se realizaron 179 intervencións ata o mes de outubro. Este é un importante compoñente dos coidados que a entidade ofrece ao paciente oncolóxico e aos seus familiares, “a través do cal poden ser escoitados e comprendidos, ademais de desenvolver recursos que lles permitan facer fronte a novas e complexas situacións que xorden despois do diagnóstico”, explican desde o colectivo.
A nivel de atención social, a AECC de Marín concede diversos tipos de axudas económicas e xestiona programas de alimentos, de préstamo de material (perrucas, camas articuladas, cadeiras de rodas…), de xestión da seguridade social, de inserción laboral e de facilitación se residencias ou pisos de acollida fóra do fogar. Nesta liña realizáronse 87 actuacións.
A nivel telefónico, o voluntariado tamén ofrece un servizo de acompañamento, encamiñado a gozar de momentos de ocio e de apoio tanto a pacientes como a familiares. Realizáronse 20 intervencións deste servizo.
No que respecta ao número de intervencións en voluntariado en hospitais e domicilios, a AECC de Marín contabiliza 45 intervencións. Nelas, os voluntarios e voluntarias atenden as necesidades de compañía que teñen os pacientes e ofrecen apoio social e emocional. Este servizo está habilitado no Hospital Provincial de Pontevedra, no Álvaro Cunqueiro e no Hospital Meixoeiro.
A rehabilitación integral de persoas con cancro de cabeza e pescozo é o obxectivo básico do programa “Volver a falar”, ofrecido tamén pola AECC de Marín, no que se lles ofrece axuda aos pacientes para afrontar os trastornos derivados das ciruxías e mellorar e recuperar a fala. Neste momento, realízanse 44 intervencións neste programa. Concello de Marín Avda. de Ourense, SN – 986 88 10 100 www.concellodemarin.es Finalmente, os membros da AECC trasladáronlle á alcaldesa que durante 24 horas teñen activa a atención telefónica durante todos os días do ano a nivel nacional a través do teléfono InfoCáncer: 900100036.