Xunta de Goberno Local

Celebradas as eleccións locais o pasado 24 de maio do 2015, e constituída a nova Corporación Local con data 13 de xuño do 2015, resulta necesario proceder ao establecemento da nova organización municipal, en particular, á constitución da Xunta de Goberno Local, xa que, é de existencia preceptiva neste municipio, por ter unha poboación superior aos 5.000 habitantes. Visto que o artigo 23.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en diante LRBRL), determina que a Xunta de Goberno Local intégrase polo/a alcalde/sa e un número de concelleiros/as non superior ao terzo do número legal dos mesmos, nomeados e separados libremente por aquel/a, dando conta ao Pleno. Polo exposto, e de conformidade co establecido nos artigos 20.1 b) e 23 da LRBRL; art. 22 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado por Real Decreto Lexislativo 781/1986, do 18 de abril; artigos 59.2 b), 65 e 211 da Lei 5/1997, de Administración Local de Galicia; artigos 35.2, 52, 53 e 112.3 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, e demais lexislación concordante, a Alcaldía, no exercicio das súas atribucións, resolve constituír a Xunta de Goberno Local do Concello de Marín, que estará integrada pola alcaldesa e os seguintes sete concelleiros/as electos. Don Manuel Santos Costa Dona María Antonia Sanmartín García Dona María José de Pazo Allariz Don Francisco José Estévez Salazar Dona. María Cristina Acuña González Don. Pablo Novas Caballero Don Antonio Traba Miñones Conforme ao disposto no art. 113.3 ROF, a Alcaldía poderá requirir a presenza de membros da Corporación non pertencentes á Xunta de Goberno Local, ou de persoal ao servizo da entidade, ao obxecto de informar no relativo ao ámbito das súas actividades. A Xunta de Goberno celebrará sesión ordinaria, semanalmente, os martes ás 13 horas e 30 minutos. Queda facultada a Alcaldía para alterar a data de celebración das sesións da Xunta de Goberno Local que coincidan con Semana Santa e Nadal, como consecuencia dos períodos de vacacións, cando non menoscabe a xestión dos asuntos municipais, así como para pospoñer ou adiantar a realización das sesións ordinarias da citada Xunta, dentro da mesma semana da súa realización, cando o día fixado sexa festivo. Competencias a) Aprobar a oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro de persoal aprobados polo Pleno. b) Solicitar subvencións e axudas económicas a outras entidades ou organismos públicos e privados, que expresamente requiran acordo, cando a asunción dos compromisos ou obrigas para o Concello derivados da concesión daquelas correspondan á Alcaldía, sen prexuízo de que a Alcaldía poida efectuar, por razóns de urxencia, a solicitude. c) A aceptación de subvencións outorgadas a favor do Concello. d) As aprobacións dos instrumentos de planeamento de desenvolvemento do plan xeral non expresamente atribuídas ao Pleno, así como a dos instrumentos de xestión urbanística e dos proxectos de urbanización. e) O outorgamento de licenzas urbanísticas de obras maiores, así como a súa modificación ou revisión, agás que as leis sectoriais o atribúan expresamente ao Pleno, reservándose a alcaldía ou o concelleiro delegado da área no seu caso, os requirimentos para a subsanación de deficiencias e as resolucións de caducidade ou arquivo. f) Concesión e denegación de licenzas de instalación e actividade, así como a súa modificación ou revisión, agás que as leis sectoriais a atribúan expresamente ao Pleno, reservándose a alcaldía ou o concelleiro delegado da área no seu caso, os requirimentos para a subsanación de deficiencias e as resolucións de caducidade ou arquivo. g) As declaracións de ruína dos inmobles. h) As seguintes facultades nos expediente de contratación que sexan competencia da Alcaldía cando excedan dos límites da contratación menor: · Incoación e aprobación de expedientes de contratación, así como a adxudicación de contratos que, excedendo dos límites da contratación menor, non superen o 10 % dos recursos ordinarios do orzamento nin, en calquera caso, a contía de seis millóns de euros, incluídos os de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de todas as súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referido aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada. · Aprobación de proxectos de obras e de servizos cuxa contratación ou concesión sexa competencia da Alcaldía e estean previstos no orzamento · Adopción de acordos relativos á interpretación, modificación, invalidez, resolución ou extinción de contratos que sexan competencia da Alcaldía, así como a imposición de penalidades. · Demais facultades que correspondan ao órgano de contratación dos expedientes que sexan da competencia da Alcaldía, agás as facultades que de seguido se relacionan. Exceptúase expresamente da delegación en materia de contratación, reservándose á alcaldía ou ao concelleiro delegado da área no seu caso, o referente á: – Designación dos membros da Mesa de contratación ou órgano equivalente – Requirimento ao licitador que presentara a oferta economicamente máis vantaxosa aos efectos establecidos no art. 151.2 do RD Lexislativo 3/2011, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público. – Aprobación de Plans de Seguridade e Saúde das obras contratadas. – Nomeamento da Dirección Facultativa e Coordinación de Seguridade e Saúde. – Aprobación de Certificacións de obra e sinatura das Actas de Recepción. i) A adquisición de bens e dereitos, cando o seu valor non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento nin os tres millóns de euros, así como o alleamento do patrimonio que non supere a porcentaxe nin a contía indicados nos seguintes supostos: a. A de bens inmobles, sempre que estea prevista no orzamento. b. A de bens mobles,agás os declarados de valor histórico ou artístico cuxo alleamento non se encontre previsto no orzamento. Nos acordos que adopte a Xunta de Goberno Local por delegación, deberá facerse constar esta circunstancia, e entenderanse ditados pola Alcaldía como titular da competencia orixinaria, sendo inmediatamente executivos. O réxime xurídico desta delegación será o previsto con carácter xeral nos artigos 114 a 118 do ROF e disposicións concordantes. A delegación de atribucións é para o total exercicio destas con carácter resolutorio, agás no relativo ao recurso de reposición, que será resolto polo órgano delegante. As competencias delegadas exerceranse nos termos sinalados na presente resolución e lexislación de aplicación, sen que poidan ser delegadas en ningún outro órgano. Esta delegación non quedará revogada polo mero feito de producirse un cambio na titularidade da Alcaldía ou na composición concreta da Xunta de Goberno Local. A revogación ou modificación na delegación deberá adoptarse coas mesmas formalidades que as esixidas para o seu outorgamento. Da precedente resolución darase conta á Xunta de Goberno Local, na súa sesión constitutiva, a efectos da súa aceptación, e ao Pleno da Corporación na primeira sesión que se celebre. A delegación entenderase aceptada tacitamente se, no termo de tres días hábiles contados dende a notificación da resolución o órgano destinatario da delegación non fai manifestación expresa ante o órgano delegante de que non acepta a delegación. A presente resolución surtirá efectos dende o día seguinte ao da súa adopción, sen prexuízo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e do estipulado no art. 114 ROF.